O Sergas incorpora a especialidade de enfermeiro xeriátrico
Galicia incorpora ao seu sistema público de saúde a especialidade de enfermeiro xeriátrico. De feito, acaba de convocar e adxudicar as primeiras prazas para os hospitais de Lugo e Vigo
O Consello Xeral de Colexios Oficiais de Enfermaría aplaude esta decisión, que agardan que poida estenderse ao resto de comunidades
Tras varios anos de formación no coidado e atención sanitaria dos nosos maiores, Galicia culmina por vez primeira o proceso de integrar estes profesionais, os enfermeiros e enfermeiras xeriátricas, no sistema público de saúde. Luis León, xerente do Sergas.
"Un paciente de idade avanzada, con moitas patoloxías, moita morbilidade no que hai que facer como uns axustes moi precisos, o enfermeiro xeriátrico é a persona idónea".
Para o Consello Xeral de Enfermaría trátase dun grande avance a nivel estatal para o recoñecemento dunha especialidade que pretende mellorar a atención dos nosos maiores. A convocatoria e adxudicación destas prazas, catro en total distribuídas nos hospitais públicos de Lugo e Vigo, son o principio dun proceso que pretende chegar a todas as áreas e centros sanitarios de Galicia. Así o explica o Luis León.
"O ideal sería incorporar aos enfermeiros xeriátricos tanto nos hospitais, coma nos xeriátricos e nos centros de saúde. Pero a día de hoxe hai que empezar gradualmente, pouco a pouco".
Unha porta aberta para a consolidación doutras especialidades dentro da rama de enfermaría que axudarían a dar resposta á nova realidade demográfica do país.
"Temos especialistas en medicina familiar e comunitaria, en obstetricia, en saúde mental, agora en xeriatría.... E seguro que nos próximos anos se irán incorporando outras. O que pasa é que hai que facer unha planificación con moito detalle e realista xa que hai un déficit en xeral de especialistas de enfermaría no país.
Ese é o desafío, formar e incorporar dentro dos sistemas públicos de saúde máis especialistas en enfermaría para poder afrontar un dos maiores procesos de avellentamento da historia.