Neda restablece a subministración de auga pero non descarta máis cortes se persiste a seca
Os traballos realizados para aumentar a entrada de auga procedente do encoro das Forcadas deron os seus froitos
As zonas altas da vila estiveron durante días sen auga nas billas
Moitos veciños tiveron que botar man dun camión cisterna para abastecerse
Camión cisterna que fornecía de auga aos veciños de Neda. TVG
A subministración de auga nas zonas do Concello de Neda, nas que permanecía interrompido desde o pasado martes, restableceuse paulatinamente ao longo deste venres tras confirmarse a efectividade das medidas adoptadas pola concesionaria do servizo de abastecemento, Veolia.
Os traballos realizados para aumentar a entrada de auga procedente do encoro das Forcadas, a través de conexións coas redes dos municipios limítrofes de Narón e Fene, deron os seus froitos.
Pídese aos veciños que informen se a auga sae turbia
De todos os xeitos, o concello pide aos veciños que informen a Veolia se observan unha elevada turbidez da auga da traída para poder atender cada incidencia concreta.
Por outra banda, retirouse o camión cisterna situado nas inmediacións do centro de saúde para fornecer de auga ás persoas que estaban sen servizo.
O concello indicou que, dada a situación de seca (nestes momentos o río Belelle non achega nada de auga á rede municipal), toda incidencia no consumo que se produza nos municipios veciños repercutirá no abastecemento de Neda, polo que non poden descartarse novas interrupcións na subministración.