Arranca a fin de semana máis festeira do ano
Decenas de vilas galegas celebran hoxe festas e feiras, coincidindo coa Asunción de María e o San Roque
A Festa da Auga en Vilagarcía ou a solta do Globo de Betanzos son algúns dos eventos máis populares
O verán en Galicia é sinónimo de troula. Xa sexa coa escusa de exaltar a calidade dalgún dos produtos máis destacados da nosa gastronomía, co propósito de preservar algunha das nosas moitas tradicións, ou, simplemente, co ánimo de gozar da música; coas orquestras como protagonistas das verbenas.
Pero se hai unha fin de semana de festa por excelencia este verán en Galicia é esta, a do 15 e o 16 de agosto, na que se xuntan a Asunción de María e o San Roque.
Este último santo é o que celebran nas festas patronais de Vilagarcía de Arousa. Alí mollarse é case unha obriga: a Festa da Auga reúne a toda a vila e a moitos visitantes. Todo comezou a mediados dos 80, cando, logo de trasladar a figura de San Roque ata a súa capela, os romeiros pediron ós veciños que os refrescasen. Este ano acompañará o tempo. Os termómetros chegarán mañá en Vilagarcía ata os 32 graos.
Menos calor fará en Betanzos este domingo á medianoite, cando se volverá soltar o globo de papel máis grande do mundo ante a atenta mirada de milleiros de espectadores. Con arredor de 25 metros de altura e 50 de circunferencia, elabórase de xeito artesanal cos materiais que se levan usando 150 anos.
En Marín a cita está coa moito máis recente Festa Corsaria, en homenaxe á liberación da vila en 1809 durante a Guerra de Independencia.
En Combarro, en Poio, celébrase a trixésimo primeira edición da Festa do Mexillón. Á degustación deste produto do mar súmanse pasarúas e concertos.
Igual que nas Festas da Peregrina en Pontevedra. Alí hai concerto esta noite de De Vacas.
En Castrelos, en Vigo, hoxe é a quenda do cantante galego de música indie Iván Ferreiro.
E nas Festas de María Pita, na Coruña, actúa o cantaor de flamenco xitano Israel Fernández.