Lacón e empanada, os reis da mesa nas festas
Moitos galegos encargan comida nos festivos para ter tempo para gozar cos seus
Definitivamente o lacón e a empanada son as dúas comidas que máis éxito teñen cando se trata de compartir un xantar coa familia ou os amigos nos festivos cos que nos agasalla o calendario.
Visitamos A Casa das Empanadas, en Lugo, e falamos coa súa encargada, María Dolores Varela, quen nos comentou que durante os festivos a xente encarga moita máis comida. De feito, no seu obradoiro hoxe cocéronse máis de 200 empanadas e asáronse máis de sesenta lacóns.
Cóntanos que a xente encarga comida para levar para as casas, para as romarías e, tamén, para levar para a praia.
Desprazámonos a Rábade, un concello no que hai festa durante esta fin de semana de agosto. Aquí as panaderías tamén están a tope de encargas, como nos conta Xosé Cobas, o dono da panadería Cobas, quen asegura que neste mes hai quince días nos que "non se para de traballar".
Aquí os veciños tamén encargan lacóns e, cada día máis, tortas e calquera tipo de doces.