Publicador de contidos

Publicador de contidos

Cando cada quen quere pagar o seu nas comidas grupais

Cando cada quen quere pagar o seu nas comidas grupais

Os hostaleiros aseguran que o pago individualizado en hora punta atrasa o servizo

Algúns negocios xa colocaron carteis de que non aceptan pagos por separado se é un pedido dunha rolda

G24.gal 26/04/2026 14:42 Última actualización 26/04/2026 15:11

Comer xuntos pero pagar de un en un. É unha práctica que vai en aumento entre a clientela pero que lles dificulta o traballo aos hostaleiros en momentos de apuro. Nalgúns locais xa advirten cun cartel que non cobrarán por separado se é un grupo numeroso.

As reservas de comidas en grupo son habituais, e máis en cidades como Santiago que acollen peregrinos que se van coñecendo polo camiño e celebran a chegada cun xantar. Pero á hora de pagar toca dividir a conta: uns pagan en metálico, outros con tarxeta, algúns teñen cosumicións a maiores, e non todos tomaron sobremesa. E unha ringleira de 15 ou 20 persoas na barra é un enredo importante cando escasea a man de obra no hostalaría.

"Pode ser práctico para o cliente pero para o hostaleiro á hora dun servizo de hora punta se che pagan cota a cota perdes un tempo moi longo cunha conta por exemplo de 50 euros que che pagan entre 5 persoas", explica Demian Vilasuso da taberna Montes

"Ás veces son xente que se xunta no Camiño e non se coñecen e cada quen quere pagar o seu. Entón con esta experiencia o que fago é falar cos grupo para saber antes como van facer o pago e que non haxa conxestións das mesas", di Joel Cejudo do restaurante Codex

"En comidas aínda compensas porque facturas máis, pero ás veces que é para andar a cobrar os refrescos enredas moito. Pero entendo á xente que non teñen que andar a pagar todos xuntos porque é complicado e uns pagan en efectivo, outros con tarxeta. É traballo para nós pero o caso é cobrar", di Javier Navaza, do restaurante Raxoi.

Poucos hostaleiros decidiron de momento poñer un cartel de que non se cobra por separado pero os que si o fixeron insisten en que é por ofrecer un mellor servizo para todos e así llelo explican aos clientes. 

"Sen dúbida ter o cartel axuda. Nós apoiámonos nel. Está escrito e ten peso ante a clientela. Sempre hai quen non entende que non dividamos os pagos e algunhas molestias. Nós o que facemos é explicarlles as razóns que temos para facelo", di Alejandro Calderón, do café Morriña

A norma só lles esixe aos hostaleiros informar con transparencia antes de que os clientes consuman.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar