Os menús preparados triunfan cada vez máis polo Nadal
Encargar a comida para celebrar as xuntanzas familiares é unha opción escollida mesmo para quen ten costume de cociñar na casa
Gozar da cea de Noiteboa en familia e na casa. Iso si, sen ter que pisar a cociña. Unha opción que ano tras ano gaña adeptos.
"Antigamente quen cociñaba? As nais, pero cada vez as nais poden cociñar menos e entón a xente prefire encargar", di Isabel Galán, encargada da tenda 4Caminos. Comida para levar.
Neste negocio de comida preparada da Coruña teñen 150 pedidos para Noiteboa e Nadal. A oferta é ampla: "En entrantes, sempre é o salpicón de cocochas de peixe sapo e colas de lagostino o que máis se leva. E este ano tamén a ensalada de lubrigante e lagostinos".
David Vales, responsable de catro tendas gourmet, calcula que van polas 500 encargas para este Nadal. "Os entrantes que son a nosa especialidade son os embutidos, os queixos e o xamón de bellota cortado a coitelo", matiza.
Peixes, carnes e sobremesas completan a oferta destes menús para levar que mesmo semellan unha opción interesante para quen ten por costume cociñar na casa. Comidas de Nadal que se adaptan aos novos tempos sen perder o espírito destas festas.