Un dos acusados do asasinato de Yoel Quispe buscou información sobre as condenas
Un policía que participou na análise dos móbiles declarou que a procura apareceu no teléfono dun dos procesados
Un dos acusados polo apuñalamento mortal de Yoel Quispe na Coruña na Noiteboa de 2023 buscou información sobre as condenas por matar unha persoa, segundo declarou este luns un axente da Policía Nacional durante o xuízo que se celebra na Audiencia Provincial da Coruña.
Na nova sesión do proceso, centrada na declaración de varios policías que participaron na investigación, un dos axentes ratificou que na análise do teléfono móbil do mozo que confesou ser o autor da puñalada mortal apareceron capturas de pantalla de redes sociais sobre o caso. Tamén se atoparon procuras relacionadas coas posibles penas por este tipo de delitos.
O policía confirmou ademais o contido duns audios xa reproducidos noutras sesións do xuízo, en que o acusado falaba cunha amiga sobre os feitos. O mozo recoñeceu posteriormente a autoría da agresión logo de negala inicialmente e atribuírlla a outra persoa.
As acusacións particulares sosteñen que, ademais do presunto autor material, tamén participaron outros dous mozos. Consideran cooperador necesario o acusado que supostamente levou e facilitou a navalla e atribúen ao terceiro unha participación de feitos.
A Fiscalía soclicita 14 anos de cárcere por homicidio para o único acusado que permanece en prisión provisional pide o sobresemento da causa para os outros dous procesados por falta de probas. Ademais, a familia da vítima reclama condenas para os tres mozos.
A avogada da nai de Yoel Quispe pide 25 anos de condena por asasinato para o dous principais acusados e 15 anos para o teceiro como cómplice. As defensas solicitan a absolución e negan a participación dos seus clientes nos feitos.
Por este caso, dous dos acusados de agredir a vítima aceptaron previamente unha pena de nove meses de prisión nun xuízo celebrado no Xulgado do Penal número 3 da Coruña, cun acordo de suspensión da sentenza condicionado a que non volvan delinquir e ao pagamentos da responsabilidade civil.