As residencias caninas énchense no verán
O elevado nivel de ocupación hoteleira nos meses de vacacións trasládase tamén ás residencias caninas
A maioría das familias que teñen mascota procuran levala con eles, pero os que non poden recorren a esta solución cada vez máis demandada
Na residencia canina da Barra, no concello ourensán de Coles están ao tope ata o mes de setembro.
"En setembro hai algún sitio solto, pero os que queiran reservar que vaian chamando xa. Os que chaman a finais de xuño, quedan sen sitio todo o verán", sinala Javier Vázquez, de Gardacan.
O mesmo ocorre no resto de garderías caninas, unha solución cada vez máis recorrida ante as dificultades para viaxar con mascotas.
"Teño unha de confianza, con poucos cans e onde xa coñecen o meu", explica unha usuaria.
Para os cans son tamén unhas vacacións. Relaciónanse con amigos da súa especie, corren e ata se refrescan, para combater as elevadas temperaturas do verán.
"Os cans tamén van de vacacións. Aquí teñen o seu cuarto, onde comen e dormen, pero o resto do día están todos xuntos, coma nun campamento", asegura Javier.
Así e todo, a maioría dos que teñen mascota prefiren levalos canda eles sempre que sexa posible.
"Xa busco sitio con xardín ou 'pet friendly', que me permitan levalo. Para nós é un máis da familia", din unha veciña de Ourense.
Na gardería de Barra, en concreto, as estancias custan 17 euros por noite, pero o prezo vai baixando cantos máis días boten.