Sánchez anuncia unha rede estatal de refuxios climáticos e 10 millóns para novos espazos
O Goberno tamén destinará outros 9 millóns de euros a infraestruturas verdes e aprobará un panel científico
O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, presentou este luns a Rede Nacional de Refuxios Climáticos, unha iniciativa coa que o Executivo impulsará a creación destes espazos en todo o Estado. Para iso, anunciou unha liña de axudas de 10 millóns de euros destinada a financiar novos refuxios, incluídos centros educativos, e animou concellos, deputacións e comunidades autónomas a poñer as súas infraestructuras públicas ao servizo desta rede.
A Administración Xeral do Estado contará desde este verán con 180 refuxios climáticos, que permanecerán operativos entre o 15 de maio e o 30 de setembro. Ademais, o Ministerio para a Transición Ecolóxica hanilitou unha guía e un formulario para que outras administracións poidan adherirse á iniciativa.
Máis fondos e un panel científico
Sánchez tamén avanzou unha nova convocatoria de 9 millóns de euros para impulsar infraestructuras verdes e favorecer a renaturalización das cidades, co obxectivo de reforzar a adaptación aos efectos do cambio climático.
Ademais, anunciou que o Consello de Ministros aprobará este martes a creación dun panel científico de acción fronte á emerxencia, un órgano asesor integrado por expertos que terá como misión anticipar riscos, avaliar as políticas públicas e orientar a toma de decisións.
Durante a súa intervención o presidente lembrou a situación provocada polos incendios forestais deste verán e asegurou que a emerxencia climática "mata". Segundo indicou, no que hai de verán arderon arredor de 150.000 hectáreas en España, faleceron 13 persoas nos incendios e máis de 3.800 perderon a vida por episodios de calor extrema. Tamén reiterou a súa petición para alcanzar un pacto de Estado fronte á emerxencia climática.