Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os pacientes poderán chatear cos médicos de Atención Primaria do Sergas

Os pacientes poderán chatear cos médicos de Atención Primaria do Sergas

O Consello da Xunta tamén aprobou unha nova convocatoria de axudas para as persoas con ELA de 2,1 millóns e a cobertura de 25 prazas de médicos de urxencia no Hospital de Ourense 

G24.gal 27/07/2026 12:47 Última actualización 27/07/2026 15:38

O Consello da Xunta, reunido este martes, aprobou un investimento de 8,5 millóns de euros para reforzar a historia clínica electrónica con novas ferramentas e ofrecer aos pacientes unha atención máis coordinada, continua e segura. O obxectivo é modernizar a actual plataforma e avanzar a unha nova versión IANUS5.

O sistema incorporará utilidades de intelixencia artificial, axilizará as interconsultas entre especialistas e permitirá a comunicación directa entre os pacientes, vía chat, con cadanseu profesional de referencia sempre que os médicos teñan activada esta opción na plataforma IANUS5.

O Executivo galego tamén deu o visto e prace a unha nova convocatoria de axudas para as persoas con ELA, cun orzamento de 2,1 millóns de euros coa previsión de chegar a 200 persoas.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, salientou que "Galicia foi a primeira comunidade autónoma en poñer a disposición das persoas con ELA unha achega", de 12.000 euros anuais para gastos derivados da súa doenza. Rueda insistiu na necesidade de que o Goberno central "rectifique e modifique os criterios da Lei ELA en canto ás axudas" para que as contías poidan dedicarse a máis supostos alén dos coidados.

A xuntanza do Goberno galego tamén aprobou o Decreto para convocar 25 prazas de médicos de Urxencias do Hospital de Ourense por concurso de méritos. O obxectivo é que o proceso estea resolto e as prazas de médicos cubertas no primeiro semestre de 2027.

Axudas para vítimas de violencia sexual e enfermas de ELA

O Goberno galego decidiu tamén autorizar a primeira convocatoria de axudas a vítimas de violencia sexual, co que Galicia será a terceira comunidade tras País Vasco e Asturias, con este tipo de apoios, relatou o presidente galego. A partida será de dous millóns de euros e non será incompatible nin substituirá a calquera outra axuda que poidan recibir estas persoas.

Titulacións universitarias

O Consello da Xunta iniciou os trámites para a elaboración dun novo decreto que regule a educación universitaria en Galicia, co que busca adaptar esta formación á evolución dos últimos anos.

"Haberá moitas novidades", anticipou Rueda, entre elas adaptarase o mínimo exixible de alumnos para manter unha titulación atendendo a distintos factores, polo que nalgunhas titulacións reducirase o número insistiu.

O curso 2025-2026 concluíu con 141 graos universitarios e 218 cursos de máster entre as tres universidades públicas, lembrou Rueda, que destacou a intención da Xunta de ampliar a formación para adaptarse ás novas demandas.

Plan director do sector da alimentación

Entre outros asuntos, ademais, a Xunta aprobou o Plan director do sector da alimentación, ao que prevé destinar 216 millóns de euros durante os próximos tres anos.

Trátase dun sector que engloba a unhas 2.100 empresas de distintos tamaños e que rexistra unha afiliación á Seguridade Social de 35.300 traballadores.

Rueda explicou que o obxectivo deste plan é que o sector poida adaptarse aos cambios, con axudas directas a investimentos, sobre todo ás pemes, e tamén para a transformación de produtos do mar e agrarios.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade