Tres mulleres resultan feridas ao estalar unha botella de cristal nunha empresa do Porriño
Unha delas, con queimaduras nas costas e feridas nos brazos, foi trasladada ao Hospital Álvaro Cunqueiro
Empresa do Porriño onde tivo lugar o accidente laboral. TVG.
Tres mulleres resultaron feridas na mañá deste luns tras estalar unha botella de cristal nunha empresa no Porriño, segundo informaron fontes do CIAE 112 Galicia.
O accidente laboral ocorreu antes das 10:00 desta mañá no polígono da Granxa.
Ata a empresa trasladáronse efectivos de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, cunha ambulancia de soporte vital básico e un equipo médico do centro de Atención Primaria do Porriño.
Segundo informou Protección Civil do Porriño, a ambulancia trasladou ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo a unha muller de 25 anos de idade que sufriu queimaduras nas costas e feridas nos brazos polos cristais da botella.
Outra das mulleres tamén sufriu feridas nos brazos e outra un pequeno golpe; unha delas trasladouse a un centro sanitario polos seus propios medios.