Arde por completo un turismo na circunvalación de Santiago de Compostela
O condutor do coche afectado resultou ileso
Os bombeiros tiveron que empregarse a fondo xa que o vehículo contaba cunha motorización de gas licuado
Un dos carrís da autovía SC-20 ou Periférico estivo parcialmente bloqueado pero non afectou á circulación
Pequeno susto sobre as oito desta mañá no Periférico de Santiago de Compostela, a altura do barrio de San Lázaro. Un turismo ardía por completo nun dos carrís en dirección ao aeroporto.
Unha dotación dos Bombeiros de Santiago encargouse de extinguir as lapas, que consumiron o automóbil en poucos minutos. A propulsión do turismo, que era de Gas Licuado de Petróleo, obrigou a que o operativo tivera que organizar un operativo especial diante do risco de estoupidos.
"Polo camiño xa nos avisaron que o vehículo era un GLP (Gas licuado do petróleo) e polos recipientes que leva a presión tivemos un pouco máis de precaución, de gardar máis distancia. A extinción foi como a dun vehículo tradicional: primeiro cunha liña de auga e cando consegues baixar a carga térmica, aplicar escuma para selalo. A extinción foi rápida", relata José Antonio Gigirey, sarxento dos Bombeiros de Santiago de Compostela.
A intervención foi rápida e evitouse que as lapas afectaran a vexetación lindeira. O condutor, único pasaxeiro de vehículo, resultou ileso. Cumpriu bloquear un dos carrís da vía onde se produciu o incendio, mais non se produciron retencións de tráfico xa que pola hora a circulación era escasa.
No caso de que un condutor se atope na desafortunada circunstancia de que lle empece a arder o coche, as recomendacións dos bombeiros son claras:
"Cando é unha situación incipiente e levamos un extintor no vehículo, e se aínda non vemos lapa, só fume, podemos tentar usar o extintor. No momento en que empeza a arder o mellor é apartarse porque a propagación é rapidísima", aconsellan os bombeiros.
No operativo tamén participaron axentes da Policía Local, da Policía Nacional e do Servizo de Conservación das estradas que se encargaron da sinalización da incidencia e da limpeza da vía.