Comisan máis de 112 quilos de percebe furtivo na costa da Coruña
A Policía autonómica e Gardacostas tramitaron 48 denuncias en 15 dispositivos contra a extracción ilegal
A Unidade de Policía Nacional Adscrita de Galicia (UPA) e o Servizo de Gardacostas comisaron máis de 112 quilos de percebe a furtivos en 15 dispositivos contra a extracción ilegal de recursos mariños realizados na costa da Coruña entre o 14 e o 17 de xullo.
No marco deste operativo, desenvolvido en colaboración coa confraría da Coruña, os axentes identificaron 53 persoas e tramitaron 48 denuncias por infracción da Lei de Pesca de Galicia, informa este domingo a Consellería de Presidencia.
Tamén se interveu diverso material que incluía ferros de poliespán e equipo de mergullo profesional. O marisco comisado entregouse a un centro benéfico da Coruña tras a análise sanitaria.
A confraría localizou inicialmente dous individuos que realizaban extracción furtiva equipados con traxes e material de mergullo profesional, que lles facilitaba o acceso a zonas de difícil alcance e a obtención de exemplares de maior tamaño.
Outro dos operativos requiriu presenza policial a bordo dunha embarcación para apoiar ao Servizo de Gardacostas, debido á actitude "hostil" de varios furtivos que se negaban a identificarse nunha zona insular de acceso complexo.