Drons da Policía Local de Vigo sorprenden un furtivo con 6 quilos de marisco
Un día antes, a mesma unidade, descubrira dous mergulladores que capturaran polbos de tamaño inferior ao mínimo legal
Un operativo da Unidade Fénix de Drons da Policía Local de Vigo logrou interceptar na zona da antiga Escola de Transmisións e Electricidade da Armada (ETEA) un furtivo con preto de 6 quilos de marisco.
A actuación policial desenvolveuse o luns e os axentes percibiron a través das cámaras do dron que un home de 61 anos realizaba movementos sospeitosos mentres removía a area na auga.
Tras observar como introducía disimuladamente diversos obxectos nos petos do seu traxe de baño para non chamar a atención dos bañistas, os axentes abordárono na praia Ríos de Fóra, onde lle incautaron un total de 5,9 quilos de moluscos bivalvos que extraera ilegalmente.
O infractor foi proposto para sanción ante a Consellería do Mar e o marisco foi devolto con vida ao seu hábitat natural no peirao da ETEA.
Un día antes, na praia da Buraca, a mesma unidade policial descubriu dous mergulladores recreativos de 39 e 35 anos que portaban senllos polbos con pesos inferiores aos mínimos permitidos, polo que tamén foron propostos para sanción.