Publicador de contidos

Publicador de contidos

O alto custo do furtivismo: máis de 260 quilos de produto e 600 aparellos ilegais nunha semana

O alto custo do furtivismo: máis de 260 quilos de produto e 600 aparellos ilegais nunha semana

Gardacostas chama a "romper a cadea" non comprando marisco e peixe ilegal

A ría de Arousa, un sementeiro de nasas ilegais durante o paro obrigatorio da fin de semana

G24.gal 17/08/2026 14:26

Venres, previo a festivo. Rastrexo da ría palmo a palmo do que se ve e o máis importante do que non está á vista.

"A fin de semana e fóra do descanso semanal é cando vimos comprobar se alguén deixou nasas ou redes sen as boias regulamentarias, para pescar a fin de semana".

"Adoitamos atopar bastantes nasas de polbo caladas de forma ilegal", explican os axentes de Gardacostas.

O fondo da ría de Arousa é un sementeiro de nasas ilegais. Gardacostas localiza máis dun cento nunha soa tarde.

"Agora estamos coa raposa, que leva uns ganchos e vai arando o fondo. Soen deixar aparellos calados sen sinalizar e para iso usamos a raposa", engade Javier López, un dos axentes.

É unha das prácticas máis estendidas da pesca ilegal, un furtivismo que practican os malos profesionais do mar.

"Hai barcos que deixan caladas as redes no mar e atopamos producto que non dan a talla ou están en veda. Iso é prexudicial para os profesionais que si cumpren", denuncia Enrique Rodríguez, xefe de sección de Vixiancia e Control de Gardacostas. 

En fronte do Grove paran un barco que volve do polbo, unha das especies máis castigadas.

Salvo algún exemplar que roza o legal, leva todo en orde. Son os principais beneficiados do cumprimento da norma.

"Eu non levo polbo pequeno, cumpro o talle; iso si, pésoos vivos e había un exemplar que anda nos 9,50 ou 9,60 centímetros, pero é normal polo movemento. Está ben que se controle porque dura máis o polbo e o sector", recoñece o patrón.

Medidas, cotas, pesca fóra de horarios establecidos e marisqueo a pé sen permiso. Horas antes sorprenderan uns furtivos na Pobra. Eses son dos que non se amedrentan, dos que se enfrontan.

"É xente marxinal que se dedica a unha extracción ilegal e que non respectan tamaños nin tampouco cotas porque non están autorizados", engade Enrique Rodríguez.

Menos habitual, pero tamén baixo control está o pirateo na pesca de recreo.

"Controlamos que ten a licenza e as capturas que ten porque hai un máximo permitido", confirma o axente Javier López.

Piratean porque venden e venden porque hai quen lles compra.

"É romper esa cadea, sobre todo, cos establecementos para que non compren ese producto que non van polo canle normal de comercialización", reclama o xefe de sección de Vixiancia e Control de Gardacostas. 

Unha eiva que se conta en cifras: o ano pasado incautáronse preto de 30.000 quilos de marisco e peixe ilegal, que no mercado negro pode supor uns 300.000 euros. 

Dise que cada vez entra menos marisco nas lonxas pero aínda queda moito que se move en capachos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade