Publicador de contidos

Publicador de contidos

Incautados máis de 267 quilos de polbo e 561 cacharros na Ría de Arousa e na Guarda

Incautados máis de 267 quilos de polbo e 561 cacharros na Ría de Arousa e na Guarda

A maior parte das intervencións tiveron lugar na costa da Guarda

Paralelamente, a Unidade Operativa de Vigo levantou unha acta de incautación contra descoñecido nas inmediacións de Cabo Silleiro

Imaxe de Gardacostas de Galicia Imaxe de Gardacostas de Galicia
G24.gal 28/06/2026 12:47

O servizo de Gardacostas de Galicia comisou nos últimos días un total de 267 quilos de polbo e 561 cacharros e alcatruces antirregulamentarios en diversos controis contra o furtivismo desenvolvidos na Ría de Arousa e na zona da Guarda.

Segundo a Consellería de Mar, as actuacións tiveron lugar poucos días antes da reapertura da campaña do polbo, prevista para o mércores, 1 de xullo, tras dous meses de veda para protexer á especie.

A maior parte das intervencións tiveron lugar na costa da Guarda, onde os efectivos comisaron 450 cacharros con 175 quilos de polbo, que foron devoltos ao mar.

Así mesmo, na ría de Arousa, os axentes levantaron un total de nove actas como resultado do despregamento coordinado entre a Unidade Operativa (U.O.) de Vilaxoán e os Servizos Centrais.

Igualmente, o operativo máis salientable executouse nas zonas de Defragueiras e Negreiriñas por parte do persoal de Vilaxoán, onde se tramitaron dúas actas de incautación que se saldaron co comiso de 51 cacharros e 48 quilos de polbo.

Tamén, nas zonas de Taragoña e As Negreiras levantáronse tres actas por presunta infracción coa retirada de 28 nasas para voitrón, 40 cacharros, seis quilos de polbo e outros seis de choco. Finalmente, o balance desta unidade en Arousa completouse na Mesa de Con, onde se localizou e retirou unha cacea con 20 nasas sen identificar que contiñan sete quilos de polbo e dous de nécora.

Pola súa banda, a U.O. de Servizos Centrais interveu nas zonas intermareais e da canle de Pedregoso e Pedra dá Loba, localizando artes de pesca sen balizar nin identificar. A operación saldouse coa incautación de 12 nasas para polbo, 60 nasas para camarón e 25,1 quilos de polbo.

Ademais, nun control perimetral en Pedras Negras, os gardacostas retiraron unha cacea de alcatruces con 20 cacharros e outros 7,4 quilos de capturas, que foron devoltas ao mar.

Vigo

Paralelamente, a Unidade Operativa de Vigo levantou unha acta de incautación contra descoñecido nas inmediacións de Cabo Silleiro, na ría de Vigo, retirando do mar un total de 33 pezas de redes de enmalle que estaban a ser utilizadas de forma ilegal. No seu interior, as artes mantiñan atrapados tres quilos de rodaballo, dous quilos de raia e un de centola, especies que foron reintroducidas ao mar.

A maiores, a Unidade Operativa de Portosín interceptou tamén en Corrubedo 81 pezas de miños, o que equivale a 4.500 metros, alén de 15 quilos de raia, 25 quilos de xuliana, sete de boi de mar e 0,5 quilos de lagosta.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade