Publicador de contidos

Publicador de contidos

Normalidade nos trens en Galicia e temor entre os viaxeiros: "Tes medo, teño ganas de chegar á casa"

Normalidade nos trens en Galicia e temor entre os viaxeiros: "Tes medo, teño ganas de chegar á casa"

Renfe asegura que, malia o accidente de Toledo, a circulación na comunidade autónoma non tivo alteracións

G24.gal 28/10/2026 14:55

Eran as escenas dun día normal pero non podía selo. Renfe asegura que, malia o accidente da alta velocidade na provincia de Toledo, a circulación ferroviaria en Galicia seguiu o seu ritmo habitual. Pero o impacto, por suposto, estaba nas olladas e nas voces da maioría dos viaxeiros.

"Eu son de Alacant, móvome bastante e nunca tiven ningún incidente pero é duro, é duro. Oír estas cousas e logo subir a un tren é chocante", expón un mozo que acaba de chegar en tren á estación de Ourense.

"Hoxe viaxamos con moito silencio, pero por traballo non nos podemos deixar de mover", engade outro home.

"É tan relativo, tampouco hai tantos accidentes de tren ao longo dun ano", asegura unha muller que vén precisamente dende Castela-A Mancha.

"Eu creo que aquí temos moita seguridade. Non creo que nos pase nada", afirma unha moza.

Moitos viaxeiros souberon do accidente cando eles mesmos estaban circulando nos seus trens. Moitos din que confían no servizo ferroviario pero hoxe a palabra que máis se repite é "medo".

"Tes medo, tes medo. Eu agora mesmo teño ganas de chegar á miña casa xa", admite unha pasaxeira.

"Non queda outra, teño que ir, tampouco vai pasarlles a todos, pero dá medo, si", completa outra muller que agarda por un tren na estación.

"É tan raro que a vida siga...", apunta finalmente unha viaxeira.

Porque a vida, as vidas, teñen que seguir. Aínda que este mércores todos leven un pouco de dor na equipaxe.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade