Publicador de contidos

Publicador de contidos

Empresarios de Castro de Ribeiras de Lea reclamarán indemnizacións por quedaren sen luz durante as festas

Empresarios de Castro de Ribeiras de Lea reclamarán indemnizacións por quedaren sen luz durante as festas

Quedaron sen subministración durante cinco horas na madrugada do sábado ao domingo, mentres actuaba a París de Noia

G24.gal 11/08/2026 13:58

Unha posible sobrecarga pode estar detrás do apagamento que deixou ás escuras, durante 5 horas, os veciños e visitantes que gozaban da gran noite das festas patronais de Castro de Riberas de Lea, en Castro de Rei. A avaría afectou a zona sur do campo da festa, deixándoa sen subministración, o que provocou graves perdas económicas a locais de ocio nocturno, bares e atraccións instaladas no recinto.

Había un cartel de luxo na vila para as fesas patronais en honra a San Roque e Doce Nome de María. A París de Noia tocaba case que os primeiros acordes na madrugada do domingo ao luns cando marchou a luz.

"Á metade ou ao pouco de empezar. Foi sobre as dúas da mañá", di Pilar Gómez, propietaria dun bar.

A festa puido continuar porque o apagón só afectou a unha pequena zona situada ao fondo do campo da festa.

"Algunha das atraccións parou. Outras marcharon, pero só afectou esta zona".

Sen conexión á rede eléctrica varios establecementos de hostalería víronse sen a posibilidade de traballar en plenas festas patronais co grave prexuízo económico que iso representa tanto no que deixaron de vender coma no que se lles estragou.

"Tes que facer un investimento importante e perdes moito de vender, ademais do que estea estragado. Non tes cafeteira, nin rexistradora para cobrar nin nada. Co cal non puidemos vender. Quedamos sen luz ata as oito e media da mañá", lamenta Pilar.

Todos os negocios afectados van reclamar á compañía eléctrica que os indemnice. 

"Por suposto. Mirando as contas do ano pasado, eu ao mellor perdín de vender 500 euros, máis todo o que se desconxelou. Unha gran perda".

Perdas importantes tamén nos dous locais de ocio nocturno que tamén quedaron sen subministración. O que non puideron vender, o xeo que se perdeu dentro dos conxeladores e os cartos dos empregados extra contratados para unha noite en que non puideron traballar.

A luz restableceuse na zona cinco horas despois de marchar. A compañía Begasa apunta a un problema nun fusible dun transformador como a causa da avaría.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade