Publicador de contidos

Publicador de contidos

Martínez Allegue di que rescatar a AP-9 custa o mesmo que bonificala e pide facelo ao tempo que se transfire

Martínez Allegue di que rescatar a AP-9 custa o mesmo que bonificala e pide facelo ao tempo que se transfire

"O custo das bonificacións ata a fin do período concesional é igual que rescatar esa autoestrada. Pedimos miras a futuro, e que se sexa valente e que se proceda a ese rescate", di a responsable de Infraestruturas da Xunta

A conselleira, titular tamén de Vivenda, anuncia unha nova liña de axudas para mercar vivenda en concellos de menos de 10.000 habitantes para os menores de 36 anos

G24.gal 11/08/2026 09:38

Co debate sobre a transferencia da AP-9 a Galicia sobre a mesa, tras a aprobación no Congreso dos Deputados dun texto que esperta desconfianza na Xunta, a conselleira responsable das infraestruturas María Martínez Allegue, pediu este martes no informativo Bos días que se rescate a autoestrada

"Pedimos miras a futuro, e que se sexa valente e que se proceda a ese rescate", dixo Martínez Allegue, quen botou as contas e asegurou que "o custo das bonificacións ata a fin do período concesional é igual que rescatar esa autoestrada"

A conselleira defendeu estas contas "non porque o digamos desde o Executivo galego, senón porque temos informes técnicos e económicos".

"Eu penso que todos os que nos están escoitando saben que estamos a falar da infraestrurura estatal máis cara do Estado, que a pesar das bonificacións que supoñen unha importante carga para a administración do Estado, os usuarios non as notan", incidiu.

En canto ao traspaso das competencia a Galicia, insistiu en que "nós levamos moitísimos anos reclamando a transferencia, pero non a calquera prezo".

Martínez Allegue pide "unha transferencia financiada como se pediu no Parlamento por unanimidade, coas bonificacións comprometidas, coas obrigas comprometidas e sen as incertezas xurídidas ou económicas como ese posible procedemento sancionador que se está a tramitar na Comisión Europea".

"Nada ten que ver o texto que aprobamos aquí co que se está a tramitar en Madrid. Por iso o que pedimos é unha comisión bilateral previa para sentar e deixar claro eses condicionantes, non só xurídicos senón económicos. Porque non imos consentir que os galegos teñamos que soportar hipotecas que non nos corresponden".

"Polo tanto, rescate e transferencia, transferencia por suposto que si, pero non nas condicións que se están a debater en Madrid", concluíu a conselleira.

Os problemas de vivenda entre os mozos

En canto ás súas responsabilidades en materia de vivenda, Martínez Allegue destacou os esforzos dirixidos á poboación máis nova: "Na nosa aposta por incrementar o número de vivendas dispoñibles no mercado, tanto de alugueiro como de venda, temos unha preferencia específica para os menores de 36 anos. De feito, de todas as vivendas que temos agora mesmo en construción, que son 4.000, e que xa empezamos a entregar as primeiras, temos cupos de reserva para eles".

"Das que entregamos en réxime de alugueiro, polo menos un 40 % son para menores de 36 anos. As que entregamos en réxime de compra-venda, cando menos un 25 % son para menos de 36 anos. Temos un cupo específico para esas composicións familiares de entre 36 e 45 anos, que teñan fillos ao cargo. Temos o aval mozo, polo que avalamos o 20 % para que o préstamo hipotecario alcance o 100 % para os menores de 36 anos".Nese sentido a conselleira anunciou unha nova liña de axudas, que dixo se convocará nas próximas semanas "para mercar vivenda en concellos de menos de 10.000 habitantes para os menores de 36 anos de ata 15.000 euros".

Ademais, avanzou que "este mesmo venres sairá publicado no Diario Oficial de Galicia a ampliación de crédito para a compra de vivenda protexida e nos centros históricos".

Incentivar a construción de vivenda protexida

A conselleira sostén que a solución pasa por "incentivar a construción de vivenda protexida".

"Somos conscientes de que evidentemente o problema non pasa só por que as administracións constrúamos vivenda pública, senón que temos que incentivar esa construción por promotores e cooperativistas. Temos deseñado na Xunta o noso mapa de impulso á vivenda protexida e para iso temos que habilitar solo no que poder construír, porque o problema que temos, e non só en Galicia, é que haxa solo urbano que estea habilitado que teña saneamento, abastecemento, iluminación, onde poder construír, onde se poida outorgar unha licenza directa, por así dicilo", sostivo Martínez Allegue.

"Temos esa estratexia, con eses proxectos de interese autonómico residencial que estamos a facer nas cidades e nas súas áreas metropolitanas para habilitar solo e que no ano 27-28 poidamos concursar solo e que promotores e cooperativistas constrúan vivenda protexida".

"O obxectivo nesta lexislatura, a curto prazo, así nos comprometemos, é ter no ano 2028 rematadas 4.000 vivendas de promoción pública. En dous anos xa temos esas vivendas en marcha. E xa entrevamos as primeiras vivendas desta lexislatura. 74 vivendas que foron entregadas hai uns días en Pontevedra, e en breve entregaremos en Santiago e na Coruña. Agora xa é un non parar para alcanzar ese compromiso", afirmou a conselleira.

A responsable de Vivenda da Xunta tamén defendeu a aplicación de medidas que faciliten os trámites para a construción ou a rehabilitación: "É certo que temos mormativas, fundamentalmente estatais e europeas, que ralentizan estes trámites. Nós apostamos pola seguridade xurídica, pero temos que axilizar, tendo en conta os tempos nos que estamos. Por iso temos adoptado medidas para desburocratizar".

Medidas que tamén van dirixidas á protección dos propietario que dubidan se poñer as súas vivendas no mercado. 

"Aos propietarios hai que lles dar seguridade xurídica. Nós sabemos que a solución non é prohibir, non é intervir, senón todo o contrario, premiar, incentivar e facilitar".

"Sabemos que moitas veces as vivendas non se poñen no mercado porque hai que realizar determinadas reformas, o por medo á inseguridade xurídica, por esa inquiocupación, que si que existe, e por iso temos liñas de axudas como de Fogar Vivo, que con pequenas cantidades están a ter un grande éxito, coa única condición de que se destinen ao alugueiro".

"Temos folla de ruta clara: construír, habilitar solo, e tamén rehabilitar", sostivo a conselleira. "Incentivar, axudas a que se contrúa vivenda protexida. Un chamamento tamén para os concellos, e temos liñas de axudas tamén a nivel municipal. Un traballo conxunto entre todos".

"Galicia non é o que pode ser Andalucía, Madrid ou Cataluña. Aquí os prezos non son tan altos, pero sono igualmente. Agora mesmo temos prezos, tanto na venda como no algueiro, elevados. Pero o problema non é tanto o prezo, que o é por suposto, senón que non existan vivendas dispoñibles", concluíu.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade