Publicador de contidos

Publicador de contidos

Xunta e Estado manterán unha bilateral sobre a AP-9, na que Rueda espera pactar o traspaso "sen hipoteca"

Xunta e Estado manterán unha bilateral sobre a AP-9, na que Rueda espera pactar o traspaso "sen hipoteca"

Alfonso Rueda insistiu na necesidade de conseguir un traspaso da infraestrutura "sen ningún tipo de hipoteca nin risco para as arcas galegas"

G24.gal 01/09/2026 16:52

O Goberno galego e o Executivo central manterán unha comisión bilateral para abordar a transferencia da Autoestrada do Atlántico, a AP-9, unha cita para a que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, insistiu na necesidade de conseguir un traspaso da infraestrutura "sen ningún tipo de hipoteca nin risco para as arcas galegas".

Na rolda de prensa posterior á reunión do Consello da Xunta, o máximo mandatario autonómico explicou que este mesmo martes a Xunta recibiu unha comunicación do Gobierno na que se accede a manter este acordo bilateral, cuxa data aínda non foi fixada.

Rueda celebrou que este encontro se vaia materializar tendo en conta que, na súa opinión, "non tería ningún sentido que se puxese en marcha todo o procedemento" sen que antes a Xunta tivese a oportunidade de volver expoñer as súas razóns e intentar que "se volva a entrar en razón" para que se faga o traspaso como dixo "o Parlamento galego e todos os grupos" e que non implique ningún tipo de hipoteca nin de risco económico para as arcas galegas.

Rueda subliñou que ningún partido político catalán "aceptaría unha transferencia nas condicións nas que se está ofrecendo a Galicia" e deixou claro que a Xunta "volverá" defender a súa postura, que "non cambiou". "Espero que cambie a postura do Goberno central".

Prioridades para o inicio do curso político

Na conferencia de prensa e ao preguntarlle ao respecto, Rueda tamén situou entre as prioridades da Xunta para o inicio deste curso político o tratar de pechar a transferencia relativa aos permisos de traballo, unha cuestión que cualificou de "moi necesaria" para atallar "os problemas" que hai para cubrir vacantes en determinados sectores, como o vitivinícola.

Tamén avanzou neste período de sesións o Goberno aprobará e remitirá ao Parlamento de Galicia a modificación da Lei de incendios de Galicia. "Será un compromiso e hai que facelo", destacou.

Ademais de "manter o bo funcionamento dos servizos públicos e a xestión na normalidade que cada vez é máis anormal noutros lugares de España" -en referencia ao Goberno central-, mostrou o seu desexo de pechar o pacto relativo ás baixas laborais e avanzou que se presentará a segunda fase do plan de residencias comprometido no debate de política xeral, así como a reforma da Atención Primaria.

Rueda, así mesmo, fixou como prioridades o pacto da lingua, a defensa dun financiamento "xusto" para Galicia sen "ter menos" porque o Goberno decidise "dar máis" a outros ou o avance no desenvolvemento industrial de Galicia con proxectos como o de SAIC.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade