Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Xunta reclama máis de 150 millóns ao cártel dos cueiros por inflar os prezos

A Xunta reclama máis de 150 millóns ao cártel dos cueiros por inflar os prezos

O Consello da Xunta autorizou a contratación, por algo máis de 6 millóns de euros, do servizo de defensa xurídica para reclamar os cartos

Varias empresas foron sancionadas por concertarse para inflar os prezos dos absorbentes de incontinencia urinaria para adultos

A actuación irregular desas empresas repercutiu nos grandes compradores dese material en ámbitos como a atención sanitaria ou as residencias

Álvaro Ballesteros/Europa Press
G24.gal 01/09/2026 16:54

O Consello da Xunta autorizou este martes a contratación, por algo máis de 6 millóns de euros, do servizo de defensa xurídica para reclamar os máis de 150 millóns de euros que pagou a Administración ás empresas do chamado cártel dos cueiros, que foron sancionadas por concertarse para inflar os prezos dos absorbentes de incontinencia urinaria para adultos.

Segundo explicou en conferencia de prensa o presidente do Goberno galego, a Xunta dá este paso unha vez que o Tribunal Supremo confirmou a sanción a estas empresas. Así, contratarase este servizo de defensa e representación xurídica para realizar a reclamación correspondente, un servizo que non só se limitará á mera representación e defensa procesual, senón que deberá encargarse da proba pericial para cuantificar con rigor o custo exacto que tiveron esas compras para a administración.

Alfonso Rueda lembrou que a análise realizada polo Sergas permitiu cifrar en case 141 millóns de euros (140,8 millóns), a contía sufragada a estas empresas entre 2004 e 2014. Porén, están pendentes de cuantificar con exactitude os gastos correspondentes ao período entre 1996 e 2004 (a Xunta estima que a reclamación total podería elevarse a 153 millóns de euros), porque os sistemas de facturación eran distintos, e ese labor de peritaxe será encargado ao servizo xurídico que se contrate.

"Falamos de cantidades moi importantes, e a Xunta quere recuperar a parte que sexa posible", indicou o titular do Executivo autonómico, que lembrou que a actuación irregular desas empresas "repercutiu moi directamente nos grandes compradores dese material", como son as administracións públicas, en ámbitos como a atención sanitaria ou as residencias.

En 2016, a Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia (CNMC) sancionou con 128 millóns de euros oito empresas fabricantes e importadoras destes cueiros para adultos, á Federación Española de Empresas de Tecnoloxía Sanitaria e a dúas persoas físicas, pola súa participación en prácticas restritivas da competencia.

Así, quedou acreditado que as empresas acordaron un prezo para os cueiros, que resultou ser o dobre do prezo acadado mediante licitacións públicas das distintas comunidades autónomas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade