Mazón nega ante o xulgado que o atraso do envío do Es-Alert causara as vítimas da dina
A representación legal do expresidente da Generalitat enviou un escrito ao xulgado que investiga a xestión da emerxencia
Sostén que non tivo responsabilidade por omisión na catástrofe porque non era o responsable de adoptar medidas de prevención
Pídelle á xuíza que aclarese hai "algún indicio ou liña de investigación aberta ou pendente de apertura respecto de unha eventual responsabilidade penal por acción" de Mazón
Mazón durante un pleno en Les Corts, onde mantén a acta de deputado, celebrado en xuño. Europa Press
O expresident da Generalitat Valenciana Carlos Mazón rexeita a existencia dunha relación causal entre o atraso do envío da mensaxe Es-Alert avisando á poboación a tarde do 29 de outubro de 2024 do perigo da crecida da auga de ríos e barrancos e o número de vítimas mortais que causou esa dina.
Nun escrito, ao que tivo acceso EFE, remitido este luns pola representación legal de Mazón ao xulgado que investiga a xestión da emerxencia ante unha catástrofe que deixou 231 vítimas mortais, o avogado do expresident desenvolve ao longo de 66 páxinas argumentos en descargo do seu representado, entre outros, que este non tivo responsabilidade por omisión na catástrofe porque non era o responsable de adoptar medidas de prevención e que non interveu na redacción ou contido da mensaxe Es-Alert.
A súa defensa reclama así mesmo á xuíza que concrete se, á vista do estado actual da investigación, subsiste "algún feito positivo ou acción concretamente atribuíble a Mazón distinto das hipóteses examinadas neste escrito".
Tamén lle pide que aclare se hai "algún indicio ou liña de investigación aberta ou pendente de apertura respecto de unha eventual responsabilidade penal por acción" de Mazón "con expresión suficiente do seu contido fáctico para permitir a esta defensa coñecela e propoñer as dilixencias de investigación e proba de descargo que estime pertinentes".