Portugal anuncia a mellora da comunicación ferroviaria no norte do país
O Goberno investirá 66 millóns de euros na modernización da liña entre Porto e Lisboa
Contempla a creación das condicións necesarias para a súa conexión coa futura liña de alta velocidade
O Goberno de Portugal anunciou este sábado un investimento de preto de 66 millóns de euros para modernizar os sistemas de sinalización e telecomunicacións da Liña do Norte, o principal corredor ferroviario do país, que une Lisboa e Porto.
A iniciativa, dirixida á empresa pública Infraestruturas de Portugal (IP), contempla un financiamento de ata o 85% a través do programa Sustentável 2030, destinado a impulsar a transición enerxética e climática, segundo un comunicado do Executivo luso.
O proxecto permitirá mellorar a seguridade, fiabilidade e eficiencia da circulación ferroviaria, e adaptar a infraestrutura portuguesa aos estándares europeos de xestión e control deste tráfico.
Ademáis, engade a nota, esta actuación creará as condicións necesarias para a súa conexión coa futura liña de alta velocidade entre Lisboa e Porto, un dos principais proxectos ferroviarios do país.
Sistema Europeo de Xestión
O plan inclúe a implantación do Sistema Europeo de Xestión do Tráfico Ferroviario (ERTMS), deseñado para facilitar a interoperabilidade entre as redes dos distintos países europeos.
A modernización enmárcase no desenvolvemento da rede ferroviaria portuguesa, que contempla tamén unha conexión de alta velocidade entre Porto e a cidade de Vigo, cun tempo de viaxe prevista duns 50 minutos.
Este último proxecto, considerado estratéxico para mellorar as comunicacións entre Portugal e Galicia, forma parte do desenvolvemento das conexións transfronteirizas da península ibérica, pero o financiamento anunciado non inclúe actuacións específicas neste sentido.