Publicador de contidos

Publicador de contidos

Feijóo promete "chegar, traballar e resolver" para aceirar o Estado do benestar

Feijóo promete "chegar, traballar e resolver" para aceirar o Estado do benestar

Presumiu de levar 30 anos xestionando servizos públicos e botou peito do seu traballo á fronte de Correos

Feijóo no congreso da Unidade Progresista da ONCE. EFE/Borja Sánchez-Trillo
G24.gal 17/10/2026 13:15 Última actualización 17/10/2026 14:05

O líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, comprometeuse a "chegar, traballar e resolver" para deixar o Estado do benestar e os servizos públicos "máis fortes" do que están na actualidade.

Durante a súa intervención no XII Congreso Estatal da Unidad Progresista da ONCE, insistiu na importancia de coidar este modelo, no que o Goberno ten un papel esencial na protección social da cidadanía, algo que na súa opinión non se fixo nos últimos anos.

"Coidar os servizos públicos significa xestionalos ben, anticiparse aos problemas e formar e tomar decisións pensando a medio e longo prazo".

O mandatario popular propuxo unha axenda "ambiciosa e esixente" capaz de afrontar as grandes transformacións pendentes, facilitar a vida da xente e axudar a que poidan chegar a fin de mes.

Lembrou que o Estado do benestar é un dos grandes logros da democracia española e unha "conquista colectiva" que permite a millóns de persoas ter máis oportunidades, protección e seguridade.

Segundo dixo, "non é o que promete máis, senón o que cumpre o que promete" e, como exemplo, referiuse á vivenda, para afirmar que "a política non pode consistir en xerar expectativas que despois nunca atopan resposta".

Presumiu de levar 30 anos xestionando servizos públicos e botou peito do seu traballo á fronte de Correos que, asegurou, recibiu "en números vermellos", deixou en "superávit" e agora está "practicamente crebado".

"Alí por onde estiven sempre traballei para deixar as cousas mellor de como mas atopei. O meu compromiso con España é exactamente ese: chegar, traballar e resolver", afirmou.

O líder do PP co presidente da ONCE. EFE/ Borja Sánchez-Trillo O líder do PP co presidente da ONCE. EFE/ Borja Sánchez-Trillo

O dirixente popular puxo o grupo ONCE como exemplo de traballo ben feito ao demostrar que "é posible construír un modelo de solidariedade que combina a actividade económica, xeración de emprego e servizos sociais".

"Ese é o equilibrio e a fórmula perfecta (...) Se non existise a ONCE habería que inventala", apuntou

Asegurou que pretende contar con entidades coma esta, que levan décadas abrindo camiños, e comprometeuse a deseñar as políticas de discapacidade contando co colectivo e a garantir que as persoas cegas poidan exercer plenamente o dereito ao voto sen depender de terceiros.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade