Publicador de contidos

Publicador de contidos

O PSOE dá luz verde ás listas do PSdeG ao Congreso e ao Senado sen introducir cambios

O PSOE dá luz verde ás listas do PSdeG ao Congreso e ao Senado sen introducir cambios

Obdulia Taboadela, Patricia Otero, Carmen R. Dacosta e Abel Losada son os socialistas que encabezarán as candidaturas ao Congreso

Gumersindo Guinarte, César Mogo, María Fernández e Carmela Silva serán os candidatos ao Senado

O exalcalde de Lugo, Xosé López Orozco, pediu que se revisaran os votos despois de quedar fora da lista ao Senado e Besteiro responde que se lle ofreceu ir en segundo posto e non quixo

Jose Ramón Gómez Besteiro asiste en Lugo a unha xornada organizada por Fademur.  PSDEG Jose Ramón Gómez Besteiro asiste en Lugo a unha xornada organizada por Fademur. PSDEG
G24.gal 16/10/2026 19:56

 A Comisión Federal de Listas do Partido Socialista, na que participou este venres a secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez, deu o visto e prace ás candidaturas ao Congreso e ao Senado polas catro provincias galegas para as eleccións xerais do 29 de novembro. O Comité Federal ratificaraas o sábado.

Obdulia Taboadela, Patricia Otero, Carmen R. Dacosta e Abel Losada son os socialistas que encabezarán as listas ao Congreso pola Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, respectivamente. Pola súa banda, Gumersindo Guinarte, César Mogo, María Fernández e Carmela Silva serán os candidatos ao Senado, tal e como aprobaron o pasado mércores os comités provinciais.

A Coruña: Obdulia Taboadela encabezará a candidatura ao Congreso

Pola Coruña, tal e como aprobou o comité provincial, a actual subdelegada do Goberno na provincia e exdeputada no Congreso, Obdulia Taboadela, encabezará a lista á Cámara Baixa. Acompañarana o concelleiro de Ferrol Julián Reina, como número dous; a secretaria xeral das Xuventudes Socialistas, Ana Alvite, como número tres; e o edil de Porto do Son Jorge Romero, no cuarto posto. Quedou fóra a que fora subdelegada do Goberno María Rivas, que se presentara para liderar a candidatura co apoio da alcaldesa da Coruña, Inés Rey.

A candidatura ao Senado estará encabezada polo portavoz do PSOE no Concello de Santiago, Gumersindo Guinarte, un dos dous concelleiros que se mantivo fiel á dirección local durante a crise que atravesou o partido na capital galega. Detrás del irán a edil de Culleredo Cristina Pardo e o socialista de Valdoviño Alejandro Antonio García.

Lugo: Patricia Otero repetirá como cabeza de lista

En Lugo, a número un ao Congreso será Patricia Otero, que ocupou nesta última lexislatura o escano na Cámara Baixa que deixou o líder do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, ao ser elixido parlamentario autonómico. Deste xeito, dará continuidade ao traballo desenvolvido ata agora.

A continuación de Patricia Otero na candidatura figuran o concelleiro de Lugo Jorge Bustos, a secretaria xeral das Xuventudes na provincia, Eva Blanco, e o socialista das Nogais Ismael Carcedo.

Pola súa banda, non houbo sorpresas na lista ao Senado e César Mogo, próximo ao líder do PSOE, Pedro Sánchez, figura como primeiro candidato. Ségueno a portavoz do PSOE no Concello de Lugo, Ana González Abelleira, e o alcalde de Ribas de Sil, Roberto Castro González.

Da candidatura de Lugo quedou fóra o exalcalde da cidade, Xosé López Orozco, que se presentara como candidato ao Senado. El mesmo trasladou publicamente o seu malestar e pediu revisar os votos emitidos a favor de cada aspirante nas agrupacións. A estas declaracións respondeu o líder do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, asegurando que se lle ofrecera ir como número dous na candidatura á Cámara Baixa, pero que el mesmo rexeitara a proposta.

Ourense: Carmen Rodríguez Dacosta encabezará a lista ao Congreso

Ademais, a actual deputada autonómica Carmen Rodríguez Dacosta será a número un por Ourense, o que poderá implicar cambios no grupo dos socialistas no Parlamento de Galicia. Tras Rodríguez Dacosta, ocupa o segundo posto na lista do PSOE pola provincia o concelleiro de Amoeiro e coordinador comarcal do partido, Brian Diz González.

Tamén houbo novidades na candidatura provincial ao Senado, xa que o actual senador Rodríguez Villarino pasa de ser o cabeza de lista a ocupar o segundo posto. A candidatura estará encabezada pola edil ourensá María Fernández. Por este motivo, quen foi secretario xeral do PSOE provincial tamén pediu que se revisase o resultado das votacións celebradas nas agrupacións locais.

Pontevedra: Abel Losada encabezará a lista ao Congreso

Pola súa banda, a candidatura ao Congreso pola provincia de Pontevedra estará encabezada polo subdelegado do Goberno, Abel Losada (Vigo), un posto que nos comicios de 2023 ocupou o actual secretario xeral do PSOE provincial, David Regades.

A candidatura continúa, por esta orde, con Margarita Adrio (Pontevedra), Manuel Pazos (Marín), Tania García (Vilagarcía), Ángel Rivas (Vigo), Digna Rivas (Redondela) e David Alonso (O Porriño).

Pola súa banda, á fronte da candidatura ao Senado por Pontevedra repite Carmela Silva Rego (Vigo), seguida de José Cacabelos Rico (O Grove) e Olga Alonso Suárez (Vigo).

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade