Publicador de contidos

Publicador de contidos

Villarino tamén pide revisar os votos das agrupacións ao pasar ao segundo posto para o Senado por Ourense

Villarino tamén pide revisar os votos das agrupacións ao pasar ao segundo posto para o Senado por Ourense

Matiza que a reclamación se formula "sen prexulgar a existencia de irregularidades", pero súmase ao malestar en Lugo e na Coruña

Arquivo TVG Arquivo TVG
G24.gal 16/10/2026 12:11

O senador socialista por Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, tamén solicitou a revisión do resultado das votacións celebradas nas agrupacións locais sobre as candidaturas a Congreso e Senado para as eleccións do 29 de novembro, despois de que el fose desprazado ao segundo posto da lista socialista para a Cámara Alta.

Rodríguez Villarino remitiu unha solicitude formal á Secretaría, a Executiva e a Comisión de Ética e Garantías do PSdeG de Ourense para revisar o resultado "oficial e desagregado" das votacións celebradas nas agrupacións da provincia para as candidaturas. No seu escrito, con data de este xoves e ao que tivo acceso Europa Press, matiza que a reclamación se formula "sen prexulgar a existencia de irregularidades".

Este xoves, o exalcalde socialista de Lugo José López Orozco tamén manifestara o seu "desacordo" coa configuración das candidaturas do PSOE ao Congreso e ao Senado pola provincia lucense, aprobadas polo comité provincial do PSOE e reclamara unha revisión dos resultados, ao asegurar que "as cifras non coinciden".

Pero a elaboración das candidaturas tamén provocou malestar interno na Coruña. O comité provincial elixiu a Obdulia Taboadela para encabezar a lista ao Congreso e descartou a María Rivas, apoiada pola alcaldesa da cidade herculina, Inés Rey.

Resultados desagregados 

"A data de presentación deste escrito, non se me comunicaron os resultados desagregados das votacións celebradas nas distintas agrupacións, nin se me facilitou documentación oficial que permita coñecer os votos obtidos por cada aspirante, tras ser solicitado na Executiva Provincial e no Comité Provincial", argumenta o escrito de Rodríguez Villarino, quen chegou a ser secretario provincial do PSdeG de Ourense, candidato á Alcaldía da cidade das Burgas e alcalde de Amoeiro.

Ao respecto, asegura que a "ausencia" de información sobre os resultados "impide coñecer o respaldo obtido por cada aspirante" e, por tanto, tampouco permite "comprobar a correspondencia" entre os votos da militancia e a proposta provincial. "Segundo o Secretario Provincial e o Secretario de Organización, 'reflectía o sentir maioritario da militancia da provincia'. É un extremo que ningún militante, nin membros do Comité Provincial, nin eu mesmo puidemos contrastar", sentencia.

Así, pide "comprobar o procedemento e preservar os dereitos" que lle corresponden como militante e como candidato no proceso, ao incidir na necesidade de "examinar" se o procedemento "se axustou aos estatutos e regulamentos do PSOE", así como ás "instrucións específicas da convocatoria".

Coas propostas de candidaturas aprobadas este mércores polos comités provinciais, as listas pasan agora á dirección galega para que emita o seu informe, previo á análise do venres na Comisión Federal de listas, último paso antes da aprobación definitiva por parte do Comité Federal do PSOE, que se reúne este sábado.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade