Besteiro di que se Orozco non vai nas listas do PSOE de Lugo, é por "datos verificables"
Segundo Besteiro, Orozco declinou ir de número dous ao Congreso
A secretaria de Organización, Lara Méndez, afirma que recibiu unha mensaxe de Orozco minutos antes do comité, sen xa "opción nin tempo a vela"
O líder do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, sinalou este xoves que se o veterano socialista Xosé López Orozco non vai nas listas do PSOE de Lugo ao Senado é por datos obxectivos "que se poden facilmente comprobar" e mostran que o actual senador César Mogo obtivo un grande apoio.
En declaracións en Lugo, onde participou na xornada organizada por Fademur con motivo do Día Internacional das Mulleres Rurais, Besteiro sinalou que houbo aclamación nos catro comités provinciais tras un proceso que pasa pola escoita, votación e decisión final, e sendo o seu "o único partido que o fai" así.
En Lugo, hai "un dato obxectivo que se pode facilmente comprobar", proseguiu ante as diferentes preguntas da prensa ao respecto, e remarcou que a de Mogo é "unha posición de maior protagonismo".
Tamén lembrou que se lle ofreceu a López Orozco a opción de ir de número dous ao Congreso, detrás de Patricia Otero, a máis apoiada, pero declinou, e "cando un non acepta, non se pode incluír".
Ao contado por Orozco, dos seus intentos de comunicarse para ir de número dous no Senado e a suposta falta de resposta por parte da secretaria de Organización, Lara Méndez, ela mesma relatou ao ser interpelada polos medios de comunicación que recibiu unha mensaxe minutos antes do comité, sen xa "opción nin tempo a vela".
Méndez remarcou que se tiveron en conta representatividade, paridade e territorialidade e Besteiro, ao ser cuestionado polo interese de Orozco en participar na contenda electoral, concluíu coa mensaxe de que "a esa batalla democrática estamos chamados todos, Orozco tamén, como non".
Sobre Fademur, reclamou Besteiro no Día das Mulleres Rurais acabar coa fenda de xénero "que a Xunta debe corrixir nestes orzamentos", esixir polo tanto que o estatuto da muller rural chegue con diñeiro ás contas de 2027 e non discriminar ás provincias de Lugo e Ourense na repartición do fondo de compensación interterritorial, cando son as dúas onde a muller rural está máis presente e activa.