O PSOE de Lugo deixa a López Orozco fóra das súas listas para o 29-N
Ao parecer propúxolle ocupar o segundo ao Congreso, mentres que o exalcalde so amosou a súa disposición a ocupar o segundo lugar, pero na lista do Senado
Lara Méndez intervén na xuntanza deste mércores
Non houbo sorpresa. O PSOE de Lugo propón unha candidatura ao Senado encabezada polo actual senador, César Mogo, e sen José López Orozco. O ex alcalde lugués fora proposto por unha vintena de agrupacións da provincia como candidato á Cámara Alta.
Ao parecer os dirixentes do PSdeG propuxéronlle a Orozco ocupar o segundo posto na candidatura ao Congreso, mentres que o exalcalde amosou a súa disposición a ocupar o segundo lugar, pero na lista do Senado. Así que finalmente non houbo consenso.
Fontes do partido sinalaron que Mogo obtivo máis votos que López Orozco no conxunto da provincia, malia que o ex alcalde lugués foi o máis apoiado na maioría das agrupacións.
A proposta da dirección provincial para o Senado complétase coa concelleira luguesa Ana González Abelleira e o alcalde de Ribas de Sil, Roberto Castro.
No comité provincial deste mércores non estuivo presente o secretario xeral do PSdeG, o lugués José Ramón Gómez Besteiro, pero si a vicesecretaria Lara Méndez.
Patricia Otero liderará a lista para o Congreso dos Deputados
Tampouco houbo sorpresa na lista ao Congreso dos Deputados. Estará encabezada pola actual deputada, Patricia Otero, que accedera ao posto en substitución de José Ramón Gómez Besteiro cando o secretario xeral do PSdeG abandonou o Congreso para optar á presidencia da Xunta de Galicia.
Completan a lista o concelleiro lucense Jorge Bustos e a monterrosina Eva Blanco, seguida de Ismael Carracedo, das Nogais.
As listas pasarán agora á Comisión Executiva Galega e, posteriormente, á Comisión Federal de Listas, que emitirán os seus respectivos informes. A aprobación definitiva corresponderá ao Comité Federal do PSOE, que se reunirá o vindeiro sábado 17 de outubro.