Vigo é a cidade galega onde a Xunta constrúe máis vivenda pública
No barrio de Navia o goberno galego está construíndo case 1.000 inmobles dos máis de 4.000 que comprometeu nesta lexislatura
Alfonso Rueda di que mentres outros teorizan a Xunta vai seguir levantando fogares
O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, visitou en Navia varias promocións de vivenda pública. Neste barrio vigués están en marcha preto dun millar de pisos que forman parte dos máis de 4 mil fogares que comprometeu a Xunta para esta lexislatura.
"Están previstas 1.600 vivendas públicas e estamos poñendo en marcha as mil primeiras. Nos orzamentos do ano que vén hai 96 millóns previstos para seguir construíndo aquí", di Rueda.
O presidente da Xunta asegura que mentres outros teorizan o goberno galego vai seguir construíndo fogares:
"Podíamos seguir discutindo, teorizando ou improvisando contra o reloxio ou podemos facer o que estamos facendo e eu creo que esto é moito mellor"
Vigo é a cidade galega onde a Xunta de Galicia está construíndo máis vivenda pública. O presidente galego, que visitou os edificios en construción xunto coa conselleira de Vivenda e Infraestruturas, María Martínez Allegue, puxo en valor a aposta do goberno autonómico por construír vivenda protexida na maior cidade de Galicia que, xunto coa Coruña, é onde a Xunta fai "o maior esforzo".
96 millóns para "seguir construindo" en Vigo
Igualmente, Rueda sinalou que, nos orzamentos galegos de 2027, haberá unha partida de 96 millóns de euros para "seguir construíndo" en Vigo.
Así, lembrou que, alén das promocións de Navia, a Xunta proxecta outras 3.400 vivendas en dous ámbitos da cidade olívica: o Ofimático e Ramón Nieto.
Na súa intervención, Rueda reivindicou as políticas de vivenda do seu goberno, e apostou tamén por outras medidas, na marxe da construción de vivenda nova (incluíndo fórmulas de colaboración público-privada), como a mobilización de vivenda baleira, aínda que dando "seguridade xurídica aos propietarios".