Publicador de contidos

Publicador de contidos

Jose Ramón Gómez Besteiro valora que o nome de Orozco figure entre os candidatos ao Senado pola provincia

Jose Ramón Gómez Besteiro valora que o nome de Orozco figure entre os candidatos ao Senado pola provincia

Cre que é unha mostra de cariño do partido e da militancia cara o exalcalde de Lugo

Besteiro criticou ademais que Feijóo e Rueda se «envolvan na bandeira» e neguen o voto aos netos de emigrantes

G24.gal 12/10/2026 22:28

O nome de José López Orozco aparece entre as propostas a liderar a lista de candidatos ao Senado por Lugo.

Así o admitiu este luns o líder do PSdeG, Jose Ramón Gómez Besteiro.

Para o secretario xeral do PSdeG, que moitos militantes apoien o exalcalde de Lugo é un feito positivo que amosa o cariño da xente pola figura de Orozco.

Besteiro aproveitou as preguntas sobre as vindeiras eleccións para criticar​​​ que o líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, e o presidente da Xunta e do PPdeG, Alfonso Rueda, se «envolvan na bandeira de España» neste Día da Hispanidade mentres negan o dereito ao voto aos netos de galegos.

Deste xeito, referiuse, en declaracións en Lugo, á posición do PP fronte á coñecida como Lei de netos, a vía pola que miles de descendentes da emigración obtiveron a nacionalidade española, e ao seu dereito a votar nas eleccións xerais do 29 de novembro.

Besteiro asegurou que estes netos e netas dos que marcharon están «absolutamente preocupados porque se lles trata como galegos e galegas de segunda» e lembrou que «de todos os dereitos que outorga a nacionalidade, un dos principais é elixir e poder votar».

Nas súas declaracións, segundo informou o PSdeG nunha nota de prensa, referiuse ás miles de familias repartidas por Arxentina, Uruguai, Brasil, Venezuela ou Cuba, descendentes de persoas que marcharon durante a Guerra Civil e a posguerra «fuxindo da persecución» en España.

O Tribunal Supremo suspendeu en setembro, de forma cautelar, o voto das persoas nacionalizadas por esta vía que non acrediten o exilio dos seus antepasados. Agora agárdase que nas próximas horas decida se mantén ou levanta a suspensión, xa que o censo electoral se pecha este luns, día 12.

O líder do PSdeG agarda unha resolución do Supremo que sexa «conforme co que a Fiscalía e a propia Avogacía do Estado piden e solicitan, que esas persoas poidan votar o 29 de novembro» e que lles «recoñeza que a súa nacionalidade é unha nacionalidade plena».

Neste sentido, reprochoulle a Rueda o seu «silencio cómplice» por non defender estes galegos e galegas e destacou a contradición que, ao seu xuízo, retrata o PP, porque «despois dan golpes no peito, fan chamamentos á emigración, á igualdade de dereitos dos emigrantes, cando na práctica intentan roubar e recortar ese dereito».

Por outra banda, sobre as dúbidas que o PP está a sementar acerca do voto por correo, Besteiro considerou que se trata dunha «campaña de bulos masivos que fai a dereita e a ultradereita» e sinalou directamente a Feijóo, que presidiu Correos entre 2000 e 2003.

«Quen foi presidente de Correos e agora é o xefe da oposición manifesta as súas dúbidas sobre a legalidade e o procedemento que se segue no voto por correo. É realmente sorprendente», lamentou.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade