Os orzamentos da Xunta para 2027 inclúen rebaixas fiscais no IRPF e na compra de vivenda
O proxecto de contas públicas aprobadas polo Consello da Xunta alcanza os 15.158 millóns de euros
A oposición critica os orzamentos da Xunta porque "benefician os que máis teñen"
O Consello da Xunta, nunha reunión extraordinaria, aprobou este venres o proxecto de orzamentos da administración autonómica para 2027.
Segundo detallou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, as contas publicas ascenderán a 15.158 millóns de euros, un 6,4 % máis que no actual exercicio, cunha previsión de crecemento do PIB galego dun 2 %, e sen incrementar o endebedamento, con déficit cero.
Rueda destacou que o proxecto de orzamentos non contará con fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia da UE, pero que se compensarán cun "maior esforzo" no investimento con recursos propios.
Tamén salientou o gasto social nestas contas, que chega aos 11.342 millóns. Ademais tamén fixo fincapé nas rebaixas fiscais que incluirán estes orzamentos destinadas a reducir o IRPF "para as clases medias e baixas", a abaratar o prezo da vivenda, e para a transmisión da empresa familiar.
No caso da baixada dos catro primeiros tramos autonómicos do IRPF, as rendas de ata 60.000 euros, será de 0,25 puntos, e é, segundo destacou Rueda, a quinta que acomete o Goberno galego en 12 anos. Terá efecto retroactivo desde o 1 de xaneiro de 2026, para "que se note desde a próxima declaración".
En canto ás medidas fiscais para facilitar o acceso á vivenda, que foran anunciadas tanto por Rueda como polo conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, finalmente será sobre o imposto de actos xurídicos documentados, que baixará tres décimas o tipo xeral, do 1,5 % ao 1,2 %, para a adquisición de primeira vivenda.
"Se as transmisións afectan a unha vivenda protexida, o imposto redúcese a cero", resaltou o titular da Xunta.
Para rematar, haberá unha rebaixa do imposto de sucesións e doazóns, xa bonificado actualmente, co obxectivo de facilitar a remuda xeracional a empresas familiares.
"Ata o de agora (...) só podían beneficiarse familiares que herdasen a empresa con relación de consanguinidade. Agora ampliamos a familiares ata terceiro grao de afinidade", expuxo Alfonso Rueda. E agregou que tamén se aplicará a traballadores de empresa que leven 10 anos ou 5 na directiva da empresa.
O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, destacou na súa intervención a estabilidade que permite aprobar os orzamentos "en tempo e forma" e o esforzo en axudar ás familias e empresas "nun contexto de prezos altos" e ao mesmo tempo "reforzar os servizos públicos".
Salientou ademais a aposta en materia de vivenda e sinalou a importancia de aproveitar a oportunidade que vai supoñer o ano Xacobeo de 2027.
Corgos repasou a evolución económica de Galicia nos últimos anos, nos que destacou o descenso do paro, ata situarse por debaixo do 8 %, a evolución do PIB e a converxencia con respecto á España.
Destacou como retos reforzar o tamaño das empresas para incrementar a súa capacidade de competir na economía global, reducir a fenda da produtividade e afrontar a ameaza da suba dos prezos e os tipos de xuro.
E con todo, dixo, cunhas "estimacións prudentes", presenta unhas contas que prevén manter o crecemento económico e a redución do paro, que calculan que se situará nun 7,7 % en 2017. O obxectivo é xerar "máis empregos e de mellor calidade" que permitan pechar a brecha de produtividade con outros países de Europa.
E nese contexto, asegurou que "o rigor na xestión e a solvencia permiten seguir aliviando a carga fiscal de familias e empresas sen endebedarnos".
"Sobre esta base", destacou o conselleiro, "os orzamentos do ano 27 combinarán a responsabilidade financeira con actuacións dirixidas a mellorar a situación dos fogares e reforzar o potencial de crecemento de Galicia".
"Os obxectivos son protexer a renda dispoñible fronte á inflación, e converter a nosa solvencia en servizos públicos e investimento", concluíu.
Aumento do gasto en persoal
O próximo exercicio o gasto da Xunta no capítulo de persoal prevé incrementarse ata os 5.739 millóns de euros, un 8,5 % e 450 millóns máis que na actualidade, como consecuencia dos acordos retributivos para os empregados públicos alcanzados tanto polo Goberno estatal como polo autonómico.
A subida dos tipos de xuro afecta os gastos financeiros, que medran un 10,3 %, aínda que manteñen o seu peso de aproximadamente un 1,5 % do total das contas autonómicas; do mesmo xeito que a inflación leva a que os gastos en bens correntes e servizos ascendan ata os 2.594 millóns de euros, un 5,2 % máis.
Incremento da recadación tributaria
No apartado de ingresos, a previsión da Xunta é recibir 4.953 millóns, un 8,8 % máis, por mor dos impostos directos, e 4.711 millóns, un 7,8 % máis, dos indirectos; mentres que as taxas e prezos públicos apenas crecen un 1,7 % para, afirmou Corgos, non "engadir presión" sobre os custos que soportan os cidadáns.
"Non poderá estar así eternamente", advertiu a continuación, para remarcar que cando desapareza a "tensión" os prezos "deberán adaptarse a esa realidade".
O conselleiro de Facenda non desvelou aínda a repartición dos orzamentos por departamentos, á espera de entregar o proxecto de lei no Parlamento para continuar a súa tramitación, aínda que avanzou que o gasto social, relacionado con partidas para emprego, promoción social, educación e sanidade, subirá en 756 millóns, un 7,1 %.
Tampouco concretou o impacto sobre as arcas públicas das novas rebaixas fiscais, aínda que cifrou en 2.094 millóns de euros o impacto das aprobadas e mantidas entre 2020 e 2025.
Si compartiu detalles de políticas de innovación, de financiamento universitario, á que destinarán 582 millóns de euros en 2027 para as tres institucións académicas públicas galegas, e das transferencias aos concellos, que alcanzarán os 661 millóns de euros grazas ao incremento do 8,4 % do fondo de Cooperación Local, concentrado en gran medida no seu parte incondicionada.
"O que ofrece a Xunta de Galicia aos concellos é, en certa medida, o que nos gustaría que fixesen connosco", manifestou Corgos, en alusión ao debate para a reforma do sistema de financiamento autonómico a nivel estatal.