Publicador de contidos

Publicador de contidos

A oposición critica os orzamentos da Xunta porque "benefician os que máis teñen"

A oposición critica os orzamentos da Xunta porque "benefician os que máis teñen"

O BNG pregúntase onde están as medidas de Alfonso Rueda para axudar as maiorías sociais 

O PSdeG ve de novo "agasallos fiscais" para "os de sempre"

Ana Pontón, BNG, e Patricia Iglesias, PSdeG. TVG.
G24.gal 16/10/2026 15:16

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reprochoulle ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que non anunciase "nin unha soa medida eficaz e real" para atallar a inflación e o encarecemento do custo de vida durante a presentación do proxecto de orzamentos da Xunta para 2027.

Pontón compareceu este martes en rolda de prensa tras a aprobación inicial por parte do Consello da Xunta das contas galegas para o próximo exercicio, que tachou de "rutineiras", á espera de poder facer unha análise pormenorizado das mesmas cando se entreguen ao Parlamento para avanzar na súa tramitación.

Para Ana Pontón, a rebaixa do 0,25 % do IRPF é unha "tomadura de pelo"

Na súa intervención, a líder do BNG criticou que, nun contexto no que Galicia sofre a inflación máis alta de todo o Estado, cun 5,5 % interanual, non se actúe de forma decidida desde o Executivo autonómico para reverter esta situación.

"Onde están as medidas de Rueda para axudar ás maiorías sociais?", preguntouse Pontón, que considerou unha "auténtica quimera" pretender solucionar a situación coa rebaixa do 0,25 % nos primeiros catro tramos autonómicos do IRPF desvelada esta mañá.

Neste sentido, indicou que o Goberno Vasco prevé aplicar unha redución do 3 % sobre este tributo durante o próximo exercicio, polo que ve unha "tomadura de pelo" a "medida absolutamente mínima" tomada polo Executivo galego cando esta comunidade ten "os prezos máis disparados de todo o Estado".

O Bloque bota en falta medidas para abaratar factura da luz e o acceso á vivenda  

A portavoz nacional do Bloque botou en falta medidas para abaratar a tarifa eléctrica ou facilitar o acceso á vivenda e censurou que se vaian aprobar novas rebaixas fiscais "para quen máis teñen", neste caso os construtores, en alusión á redución exposta para o imposto de actos xurídicos documentados.

No relativo á vivenda, acusou o Goberno galego de poñerse ao lado "da especulación" e esíxelle que invista "máis" e que reoriente as súas políticas "para que a xente poida acceder a un alugueiro xa"; á vez que reclamou saber que foi das mil oitocentas vivendas prometidas para finais deste mesmo ano.

Para rematar, Pontón tamén cargou contra o incremento da débeda pública galega, que chega aos 13.357 millóns de euros e recriminoulle á Xunta a súa oposición á quitación promovida, e finalmente non aprobada, polo Goberno central, que permitiría reducir o importe dos intereses que soportan as arcas autonómicas. 

O PSdeG considera as contas dun "cinismo enorme" 

A deputada autonómica do PSdeG Patricia Iglesias afirmou este venres que o proxecto de orzamentos da Xunta para 2027 volve incluír "agasallos fiscais" para "os de sempre", en alusión á rebaixa exposta para o imposto de actos xurídicos documentados na adquisición ou construción de vivendas.

Iglesias compareceu ante os medios apenas unhas horas despois de que esta mañá o Consello da Xunta aprobase o proxecto de lei das contas autonómicas para o próximo exercicio, no que detecta un "cinismo enorme" polos beneficios que se ofrecen "aos que máis teñen" fronte ao escaso doutras medidas.

Deste xeito, aludiu á rebaixa do 0,25 % nos primeiros catro tramos autonómicos do IRPF e subliñou que a "realidade" deste anuncio supón que unha familia con dous fillos que percibe 25.000 euros brutos ao ano apenas aforrará cinco euros ao mes.

Os socialistas cargan contra o aumento da débeda pública 

Isto sucede, denunciou, nun panorama no que Galicia lidera o incremento interanual da inflación no conxunto do Estado, cun 5,5 %, e no que o custo a vivenda tamén creceu na comunidade por encima das medias estatais.

Así mesmo, Iglesias cargou contra o aumento da débeda pública galega e contra os baixos niveis de execución que arrastran as contas autonómicas, dado que, puxo como exemplo, en 2025 apenas se gastou un terzo do orzado en programas para o acceso a vivenda.

Por todo iso, concluíu que os dirixentes da Xunta son "malos xestores" e autores duns orzamentos "raquíticos", que, ademais, tramítanse cun "desprezo absoluto" ao labor do Parlamento e dos grupos da oposición; posto que non entrarán na Cámara autonómica ata o vindeiro luns.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade