Publicador de contidos

Publicador de contidos

Xunta e sindicatos acordan melloras laborais de axentes e bombeiros forestais

Xunta e sindicatos acordan melloras laborais de axentes e bombeiros forestais

Estes acordos supoñen "un reforzo orzamentario de seis millóns de euros", segundo o Goberno galego

O obxectivo é mellorar a resposta ao novo tipo de incendios rexistrados nos últimos anos

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez e os representantes sindicais tras asinar o acordo. Xunta A conselleira do Medio Rural, María José Gómez e os representantes sindicais tras asinar o acordo. Xunta
G24.gal 10/08/2026 17:27

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, asinou este luns dous acordos con representantes dos sindicatos CC.OO., CSIF e UXT polos que se desenvolverán melloras laborais para axentes forestais e facultativos medioambientais e bombeiros forestais fixos descontinuos do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (SPIF) da Xunta.

Reforzo de 6 millóns de euros ante o novo tipo de incendios 

Segundo destacou o Goberno galego nunha nota de prensa, estes acordos supoñen "un reforzo orzamentario de seis millóns de euros" e a conselleira destacou a "vontade de diálogo" para tratar de mellorar as condicións laborais do SPIF. Neste sentido, lembrou que o proceso de negociación se iniciou o pasado mes de abril con mesas de diálogo específicas.

Respecto aos axentes forestais e facultativos medioambientais, incrementouse a Unidade de Dirección da Extinción (UDEX) na Dirección Xeral de Defensa do Monte, pasando de 6 a 15 postos, que xa están operativos.

O obxectivo, remarcou a Xunta, é mellorar a resposta ao novo tipo de incendios rexistrados nos últimos anos e aos GIF (grandes incendios forestais) contando con equipos multidisciplinares.

Período de traballo de 4 meses para os axentes forestais 

Ademais, co acordo asinado este luns materialízase o compromiso dunha subida de nivel debido "á complexidade e os novos escenarios na extinción de incendios", así como á "maior responsabilidade adquirida polos profesionais encargados da dirección da extinción dos incendios forestais".

Do mesmo xeito, este acordo contempla o incremento progresivo ata o 1 de xaneiro de 2029 dos niveis de complemento de destino e específico dos postos. Tamén recibirán un incremento do complemento de produtividade asociado ás gardas operativas a partir do 1 de xaneiro de 2027.

Doutra banda, a partir do 1 de xaneiro de 2027, o período extraordinario de traballo será de catro meses que comprenderá, en todo caso, do 16 de xuño ao 15 de outubro, podendo incrementarse nun mes adicional que se determinará en función das circunstancias de risco de incendios.

Melloras para os bombeiros forestais por traballar festivos 

Por outra banda, sobre os bombeiros forestais, o acordo pasa por unha mellora das condicións económicas e da produtividade polo traballo realizado domingos e festivos. A implantación será progresiva con efectos do 1 de xullo de 2026 e ata o ano 2028.

No ano 2024, alén de acordarse xa o pago dun complemento de produtividade por traballar domingos e festivos, incrementouse o período de traballo de 6 a 9 meses.

Ademais, en 2023 creáronse 44 postos de traballo de persoal das Brigadas Helitransportadas e incrementouse o período de actividade de 608 postos do persoal fixo descontinuo de 9 a 12 meses, como consecuencia do proceso de funcionarización.

Do mesmo xeito, en 2019 ampliouse en 554 o número de efectivos de persoal laboral fixo descontinuo de apoio á tempada de alto risco, de xullo a setembro. Ese mesmo ano aumentouse tamén o período de traballo do persoal laboral fixo descontinuo de apoio á campaña de alto risco, pasando de 3 a 6 meses de traballo.

Persoal técnico 

Así mesmo, a Xunta informou de que tamén se mantivo unha reunión de traballo coa mesa de negociación sobre o persoal técnico, que continuará unha vez finalizada a campaña de alto risco. Nela abórdase a xestión dos coeficientes redutores e lográronse avances para a súa aplicación ao persoal técnico do SPIF.

No marco deste proceso de negociación, subliñou o Executivo autonómico, xa desde o día 14 de xullo de 2026 regularizáronse sete postos do persoal técnico do Servizo de Prevención de Incendios Forestais, "adecuando a súa configuración ás funcións efectivamente desempeñadas".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade