70 empresas galegas ofrecen 400 postos de traballo a maiores e 45 anos
A Cámara de Comercio da Coruña organiza a IX edición da feira de emprego sénior
Nos corredores de Palexco, os primeiros contactos entre empresas e traballadores xa serven para derrubar estereotipos. O primeiro -explican os organizadores-, non é verdade que as empresas queiran só traballadores novos. Por iso esta feira está destinada a maiores de 45.
"Unha parte importante do noso traballo é precisamente demostrarlles a eses aspirantes que non é así. Devolverlles a autoestima e orientalos para reintegrarse de xeito pleno no mundo laboral", afirma Manuel Galdo, o director xeral da Cámara de Comercio da Coruña.
A feira ten empresas de todos os sectores e tamén diversos perfís entre os aspirantes. Segundo, por exemplo é un cubano que leva 10 anos en España e que acaba de quedar no paro. Agora busca emprego na construción ou como mozo de carga nun supermercado. Hai quen busca un cambio ou unha segunda oportunidade, por exemplo, despois dunha interrupción da vida laboral para dedicarse á crianza.
Os ofertantes desméntennos outro falso mito: os traballadores fanse esixentes coa idade.
"Todo o contrario. Precisan traballar e o que queren é unha oportunidade", explica a responsable de recursos humanos dunha coñecida empresa de servizos.