O Goberno vai acoutar a ampliación do período de proba para frear os abusos
O Consello de Ministros aprobará este martes un Real Decreto que obrigará a xustificar a prórroga deste prazo
O obxectivo é combater a precariedade que rodea este período e aumentar as garantías das persoas empregadas
Tamén ampliará as obrigas empresariais de información nos contratos que deberán recoller as condicións laborais
O Consello de Ministros do vindeiro martes vai aprobar un Real Decreto co que incorpora a directiva europea sobre condicións laborais transparentes e previsibles, e no que, entre outras medidas, acouta a ampliación do período de proba máis aló dos seis meses actuais.
Segundo explican fontes de Traballo, o obxectivo é limitar a duración deste prazo aos seis meses establecido no Estatuto dos Traballadores e que só se poida ampliar por convenio colectivo nos casos en que se xustifique de xeito razoado.
A norma obriga a deixar constancia nos contratos laborais da súa duración e das probas que debe pasar o persoal para considerar que superou ou non esta fase.
Os convenios colectivos que establezan a posibilidade de ampliar o período de proba a máis de seis meses terán que especificar en que situacións podería producirse tal ampliación.
O Ministerio de Traballo, promotor desta norma, pretende combater con estas garantías a precariedade que rodea o período de proba, moitas veces alongado para enmascarar un contrato temporal. Do mesmo xeito, servirían de panca en reclamacións individuais contra a empresa.
A norma endurece tamén as obrigas de información das empresas nos contratos de traballo e o dereito individual a que as condicións laborais estean recollidas de xeito claro e previsible nos acordos legais asinados por ambas as dúas partes.
O persoal terá dereito a recibir información nos seus contratos das regras e pautas de funcionamento dos algoritmos cos que traballe a empresa en materia laboral (para despedir, asignar tarefas, rebaixar a xornada, promocionar...).
Ademais, a norma obrigará a que a empresa informe por escrito o traballador das modificacións dos elementos esenciais da relación laboral.
