En marcha a' Ronda Leste en Ourense', a Xunta adxudica o proxecto por 12,7 millóns de euros
O novo treito de 1,5 quilómetros pretende aliviar o tráfico nas vías da cidade
O proxecto inclúe un viaduto sobre o río Barbaña e pasos para salvar a liña ferroviaria e facilitar o acceso á depuradora de San Cibrao
A Ronda Leste de Ourense encara a súa última fase. A Xunta acaba de adxudicar por 12,7 millóns de euros as obras do treito que conectará Benposta coa nacional 525 e facilitará o acceso á autovía A-52.
A Ronda Leste de Ourense chega actualmente ata esta glorieta de Benposta. Aquí remata o trazado construído. O novo treito da circunvalación permitirá completar a conexión co sur da cidade.
O novo proxecto será de quilómetro e medio de estrada ata a N-525, preto do enlace coa A-52. O proxecto inclúe un viaduto sobre o río Barbaña e pasos para salvar a liña ferroviaria e facilitar o acceso á depuradora de San Cibrao. A nova conexión busca reducir os desprazamentos e desconxestionar as vías urbanas como Marcelo Macías e a avenida de Zamora. O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, presentara en xullo este proxecto e descacou que se vai acurtar tempo, aliviar o tráfico na cidade e facilitar os desprazamentos na zona. Agora adxudicouse a obra.
A obra non comezou, pero o prazo previsto de execución é de 30 meses, cun orzamento de 12,7 millóns de euros.