Veciños de Vilamoure, en Punxín, levan días con cortes de auga
Os veciños piden que os avisen antes dos cortes para poder organizarse
Só os que teñen pozo na casa teñen garantida a subministración en zonas de Punxín
Unha veciña comenta que, ante a falta de auga na casa, foi asearse ás termas
En Punxín, Ourense, os algo máis de cen veciños da parroquia de Vilamoure levan unhas tres semanas con cortes totais e incidencias constantes na subministración de auga. Os pozos subterráneos e captacións de Punxín baixaron a niveis mínimos. O abastecemento está a ser con camións cisterna.
Abren a billa e non sae auga. E así levan días os veciños de moitas vilas, sobre todo na provincia de Ourense. Os de Vilamoure, en Punxín, piden que, polo menos, que os avisen con certa antelación, e na medida do posible, de cando vai haber un corte na subministración de auga.
Punxín e outros concellos da zona reciben auga do Miño. Pero o río vai baixo e as máquinas que bombean a auga non resolven o problema. A solución, como pasa cando hai máis consumo de auga no verán, son os camións cisterna.
Os usuarios e traballadores da residencia de maiores tamén padecen os problemas de subministración. Ter pozo propio é a única garantía para ter auga nesta vila.