Ánxeles Vázquez propón sumar encoros e estudar augas subterráneas fronte ás secas
"Nalgún sitio haberá que encorar a auga para tirar dela", di a conselleira de Medio Ambiente
Encoro de Eiras (Europa Press/Adrián Irago)
A conselleira de Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez, propuxo este xoves sumar encoros e estudar as augas subterráneas para paliar os efectos das secas cada vez máis recorrentes.
Nun acto en Oleiros, Vázquez abordou a situación actual de Galicia, con varios municipios da Coruña e Pontevedra en alerta.
Lembrou que os meses de xaneiro e febreiro foron moi chuviosos, pero despois viñeron "a primavera e o verán máis secos da historia", polo que, ao ter "ríos moi curtos", se non hai grandes encoros, "ao final a auga acaba no mar".
Por iso, asegurou que "hai que planificar de inverno para o verán unhas cousas e do verán para o inverno, outras", como as inundacións.
Fronte ás secas, dixo que "nalgún sitio haberá que encorar a auga para tirar dela", aínda que matizou, a "os do non polo non", que iso "non quere dicir que haxa que encher a Galicia de encoros".
Tamén ve necesario traballar no estudo das augas subterráneas, algo que xa se fai para pequenas poboacións.
E suxire, ademais, fomentar a reciclaxe, que aforra litros de auga en cuestións como a fabricación de papel e cartón.
Mentres, a Xunta traballa cos concellos tamén para analizar a auga que se perde por evaporación, a vinculada ao aumento da poboación no verán e ás empresas.
"Estamos a traballar cos concellos man a man", apuntou e lembrou a importancia de cumprir as normas nos municipios en alerta, como a de evitar o enchido continuado das piscinas ou a do lavado de coches.