Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Campo Lameiro, en alerta pola seca, pecha a súa piscina municipal

O Campo Lameiro, en alerta pola seca, pecha a súa piscina municipal

A decisión foi tomada debido a que a depuradora non está a traballar "adecuadamente" pola escaseza de auga

G24.gal 20/08/2026 13:35 Última actualización 20/08/2026 15:14

O Concello do Campo Lameiro , un dos 32 municipios galegos en alerta por seca, decidiu proceder ao peche da súa piscina municipal para "garantir as condicións hixiénicas e saudable" destas instalacións, dado que a depuradora non está a traballar "adecuadamente" por esta situación.

"Decidimos pechala porque o sistema de limpeza e depuración é por rebordamento e non podemos meter auga limpa do depósito para que funcione correctamente", explica Pablo Abal, encargado de obras do Concello do Campo Lameiro.

O equipamento municipal viuse afectado no seu funcionamento en materia de tratamento, reposición e purificación da auga debido á actual situación de seca, "que impide que a subministración chegue coa presión e a constancia recomendable", segundo un comunicado municipal emitido na tarde do mércores.

"Aínda que as analíticas realizadas dan correctamente, non se pode eliminar o verdello existente porque a depuradora non traballa adecuadamente por falta de presión e de caudal de auga suficiente", detallou o ente local.

Non poden meterlle máis auga do depósito porque as reservas municipais están baixo mínimos. Algúns mananciais onde capta o Concello secaron e o principal está ao 10 %.

"Este é un dos mananciais mais grandes, collemos auga por bombeo, normalmente está ao 90 % e, xa ves, está no 10 ou no 15 % como moito".

Polo tanto, para garantir a seguridade "total" dos usuarios, a piscina municipal permanecerá pechada "ata que non melloren as condicións para poder prestar de xeito completamente satisfactorio o servizo". Neste contexto, o Concello lamentou as molestias que esta situación pode ocasionar.

Ademais, esta decisión prodúcese despois de que, fai un par de días, detectase un consumo de auga "abusiva e desmesurada" e, en consecuencia, advertise da posible aplicación de "medidas correctoras": "Se persiste o consumo responsable, o Concello verase obrigado en breve a aplicar cortes nocturnos na subministración".

O máis probable é que esta noite fagan os primeiros cortes para tentar recuperar os niveis nos depósitos.

Nos concellos veciños de Cuntis e Moraña a situación tampouco é boa. Ambos municipios captan auga do río Umia, cuxo caudal está ao límite.

"A situación do Umia é alarmante. Se seguimos consumindo a este ritmo non só imos ter problemas para o consumo doméstico, tamén non propio río a nivel ecolóxico", advirte o alcalde de Cuntis, Manuel Campos.

Por iso, un bando prohibe desde hoxe o uso da rede para piscinas, limpeza de coches, baldeos ou rega de xardíns.

"Pedímoslle á poboación que limite o consumo ao uso doméstico e de primeira necesidade, tamén lles pedimos ás industrias que aforren auga", engade o alcalde.

Piden un uso responsable da auga. Temen que, de seguir así, haxa que tomar medidas máis drásticas nos concellos que beben do Umia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade