Condenado a 16 anos de prisión por intentar queimar viva a exparella en Vigo
A Audiencia Provincia considera ao acusado autor dun delito de asasinato en grao de tentativa, coas agravantes de xénero e de parentesco, alén de malos tratos psicolóxicos habituais
Ao procesado impúxoselle tamén a prohibición de aproximarse e de comunicarse coa vítima durante 31 anos
A Audiencia Provincial de Pontevedra condenou a 16 anos e 11 meses de cárcere ao home que intentou queimar viva á súa exparella en Vigo en 2024, ao que, ademais, impúxolle a prohibición de aproximarse e de comunicarse coa vítima durante 31 anos e unha indemnización de 840.000 euros
Nunha sentenza do 3 de setembro divulgada este martes, a sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra considera ao acusado autor dun delito de asasinato en grao de tentativa, coas agravantes de xénero e de parentesco, alén de malos tratos psicolóxicos habituais.
Segundo o tribunal, o condenado levou a cabo os feitos, o 14 de setembro de 2024, “movido por un sentimento de superioridade e posesión cara á vítima, como muller e parella, sen aceptar a ruptura decidida unilateralmente por ela, coa intención de dominala e menosprezala”.
A sala entende probado que o procesado esperou para abordala a que a súa exparella, coa que mantivera unha relación desde o 2017 ata maio de 2024, saíse do domicilio dos seus pais. A vítima intentou desfacerse del, propinoulle varios golpes co xeonllo na cara, impregnándoa á vez con gasolina.
A continuación, segundo consta na resolución, empuxouna, polo que a muller caeu ao chan, entón díxolle “adeus”, á vez que cun chisqueiro “prendeulle lume coa intención de acabar coa súa vida, causándolle un innecesario e deliberado aumento do seu sufrimento”.
As xuízas recalcan que, cando empezou a arder o corpo da vítima, “mentres gritaba e pedía auxilio”, o condenado mantívose “a uns metros dela, impasible”.
Como consecuencia destes feitos, o 28% da superficie do corpo da muller resultou queimada. No fallo, o tribunal destaca que “sufriu un prexuízo estético importantísimo”, así como un prexuízo moral grave “polas secuelas na súa vida privado, social e laboral”.
Desta forma, imponlle o pago dunha indemnización de 485.000 euros polas lesións e secuelas sufridas; de 350.000 euros polo dano moral causado; e de 3.600 euros polos gastos médicos.
O tribunal, tras valorar a declaración da vítima como proba central, corroborada por testemuñas, peritos, informes médicos, análises químicas e de ADN, determina a existencia do ánimo de matar e conclúe que concorren aleivosía e asañamento.