Publicador de contidos

Publicador de contidos

O percebe e os percebeiros, protagonistas dunha ruta turística en Muxía

O percebe e os percebeiros, protagonistas dunha ruta turística en Muxía

A iniciativa enmárcase no programa 'Mar e Rías: Pesca & Turismo' que se desenvolve nos oito grupos de acción costeira galegos

Santiago Pérez, percebeiro e guía da ruta turística por Muxía
G24.gal 08/09/2026 14:30

"O percebe é un oficio, pero tamén unha cultura". Iso di Santiago Pérez Haz, percebeiro en Muxía. Leva máis de 25 anos no oficio, e agora aproveita as paradas para desenvolver unha nova función en terra. É guía e anfitrión dunha de turismo mariñeiro. Na ruta, sobre o percebe da Barca, detense nas zonas e nas experiencias claves do seu día a día. 

"Explico o que é collelo, a forma en que traballas, a paisaxe, todo. Non é un traballo normal, cada día é diferente", di Santi. 

O grupo segue con atención as súas explicacións sobre a cultura do percebe, ao tempo que aprenden das tradicións muxiás. O proxecto Mar e Rías desenvólvese nos oito grupos de acción costeira para promover o turismo pesqueiro. 

"A xente cada vez busca menos sol e praia, e máis unha experiencia", asegura Guillermo González, xerente do GALP Costa da Morte.

"Poder ir cun percebeiro e que che conte como é o seu oficio, que che leve ás pedras onde traballa, penso que é interesante e penso que é unha experiencia que ten futuro", engade.

E pode ser tamén unha fonte de ingresos complementaria á actividade pesqueira, agora que a rendibilidade do percebe foi indo a menos, segundo di Santiago Pérez.  

"Agora o percebe é case un complemento, tes que ir ás nasas ou algo máis. Antes do percebe vivíase moi ben, todo o mundo quería vir ao percebe. Agora case todos temos canas".

Para darlle máis valor ao percebe e buscarlle un futuro, Santi e familia están deseñando unha gama de conservas e preparados: "No percebe queda moito desperdicio, hai moito percebe cortado, que non vale para a venda, así que decidimos facer con el croquetas, e despois decidimos facer tamén paté", explica Dolores Martínez, na conserveira AbruMar.

E para o Nadal, van lanzar o percebe ao natural, listo para consumir. Os que o proban, quedan convencidos, así que estas rutas de turismo mariñeiro serven tamén para ir facendo lexión de embaixadores do percebe galego polo mundo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade