As listas de agarda para operarse en Galicia aumentan nun 17 %, ata os tres meses
As persoas en agarda e os tempos tamén se incrementaron nas consultas dos especialistas e nas probas diagnósticas
O conselleiro Antonio Gómez Caamaño atribúe o balance negativo ao "efecto brutal" das distintas folgas na sanidade no primeiro semestre do ano
No conxunto de España o tempo medio para unha cirurxía é de 122 días, 33 máis ca en Galicia
O primeiro semestre deixou nas listas de agarda para operarse en Galicia a 57.690 pacientes, 8.457 máis que no mesmo período do ano anterior, un 17,2 % máis, que agardaban de media 89,5 días, 20,2 días máis que un ano antes.
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, presentou este mércores o balance "negativo" do primeiro semestre, que achacou ao "efecto brutal" das distintas folgas contra o estatuto marco promovido polo Goberno, con ata 25 xornadas de paros en apenas 180 días; case un mes de traballo.
O impacto destas folgas, continuou o conselleiro, afectou tamén as consultas, cuxos tempos de espera se elevaron a 69,8 días; 12,5 máis que o mesmo período de 2025, para os 230.614 cidadáns en espera, 37.000 máis.
En canto ás probas diagnósticas, case 20.000 galegos máis que o período anterior, ata 137.648, esperaban no primeiro semestre deste ano 100,1 días para seren citados; 16,4 días máis que doce meses antes.
No conxunto de España, segundo os últimos datos publicados, o tempo medio para unha cirurxía é de 122 días, 33 días máis que en Galicia; e para unha consulta sitúase en 102 días, 32 días máis.
Acompañado polo xerente do Sergas, Luis Ángel León Mateo, e polo director xeral de Integración e Innovación Asistencial, Alfredo Silva, o conselleiro apuntou, no entanto, a certos aspectos "positivos".
Así, destacou que o sistema galego foi capaz de atender de forma adecuada os pacientes con procesos urxentes, xa que a actividade aumentou en 1.565 operacións, ata as 18.096 no primeiro semestre, cun tempo medio de espera de 22,2 días, por baixo dos 30 establecidos.
E tamén se incrementou a actividade dos pacientes atendidos por vías rápidas de cancro, aqueles sospeitosos de padecer esta enfermidade, con 1.066 actuacións máis, ata os 14.570 pacientes, practicamente un 8 % máis.
Estas persoas esperaron de media 6,6 días para seren atendidas, cando o compromiso é de 15 días, lembrou Gómez Caamaño.
O conselleiro advertiu das consecuencias "dramáticas" para os cidadáns da nova folga convocada contra o estatuto marco a partir do 28 de outubro, que contribuirá a deteriorar os servizos que reciben os cidadáns, augurou.
Na súa intervención lembrou que as folgas, que comezaron en decembro do ano pasado, xa tiveron un efecto negativo sobre os procesos asistenciais e interromperon os bos datos de atención e espera que tiña entón a sanidade galega, dixo.
Ademais, no caso galego, as consecuencias sobre a actividade asistencial fixéronse notar máis polo seguimento dos paros na actividade autoconcertada, que en Galicia é "case estrutural", e que supuxo "unha media de protesta complementaria" a diferenza doutras comunidades autónomas.
O conselleiro comprometeuse a seguir traballando e negociando cos distintos colectivos sanitarios para atender as súas reivindicacións, e dixo que asiste "perplexo" a que o Goberno "non faga ningún movemento" para deter a folga de finais de outubro.