Aparece un cabalo morto no campo da festa dunha aldea ferrolá
Os veciños de Brión chamaron a Policía para investigar o sucedido
O animal padeceu un cólico e tivo que ser sacrificado no lugar
Un cabalo morto en pleno campo da festa. Esa é a impactante imaxe coa que espertaban onte os veciños de Brión.
"Eu saín da miña casa e vin o cabalo inflado, patas arriba, non sabíamos que lle pasara".
"Non se sabía nada e, claro, a xente veu o cabalo e comezou a falar".
"Nunha leira particular non chamaría tanto a atención, pero no campo da festa é estraño".
Os veciños chamaron a policía para resolver o misterio, mentres que nas redes se chegou a falar dun hipotético caso de maltrato animal. De desmentilo encargáronse horas despois o dono e outras testemuñas dos feitos. O cabalo escapara da casa, e cando o atoparon estaba en pleno cólico.
"Chamáronme o domingo ás tres da madrugada, que se soltaran dous cabalos. Este estaba por aquí moi maliño, estaba inchado, debeu comer algo. Tentamos que se movera e que dera voltas pero se tirou ao chan", di o coidador dos cabalos.
"Púxose moi mal, chamamos o veterinario e dixo que tiña moita dor, que había que sacrificalo porque non había outra opción. Por iso quedou aquí no campo da festa, non había outro remedio", explica unha veciña que axudou a asistir o animal.
Chamaron o seguro para a retirada do cadáver no momento, pero o camión non chegou recollelo ata hoxe.
"Tardan, tardan para retirar. Chamas e veñen ao día seguinte cando coincide para retirar pola zona", lamenta un veciño.
A retirada do cabalo devolvía a imaxe habitual a este campo da festa, un espazo público de reunión moi popular nesta parroquia ferrolá.