Buscan un guacamaio perdido en Cerdedo Cotobade
O papagaio, chamado Ara, foi visto por última vez na contorna de Calvelo
Ten seis anos e precisa coidados médicos
En Cerdedo Cotobade buscan dende o domingo un guacamaio que escapou da vivenda de dous expertos en etoloxía animal. Piden colaboración cidadá para atopalo. Trátase de Ara, un papagaio de seis anos que fuxiu da casa dos seus donos, os responsables da Asociación Educativa e Cultural Animais do Mundo.
Levan dous días percorrendo as pistas de Tenorio á procura deste papagaio azul e amarelo que foi visto na zona de Calvelo. No momento fixeron unha chamada desesperada a veciños, tamén en redes sociais e a calquera que o vexa en Cerdedo Cotobade. Están preocupados porque Ara precisa coidados médicos.
É un animal rescatado, polo que recomendan non intentar collelo, alimentalo nin chamalo porque pode asustarse e saír voando. As cores vistosas da súa plumaxe poderían facilitar atopar a Ara na contorna do río Lérez. Estas aves en xeral miden uns 80 centímetros e, ben coidadas, poden vivir ata 70 anos.