A concelleira do Incio golpeada por un touro o sábado segue na UCI
Segundo a última actualización, Sandra Fernández está estable dentro da gravidade
O concello do Incio, na provincia de Lugo, contén a respiración dende o pasado sábado, momento en que a concelleira Sandra Fernández ingresaba na UCI do Hospital Lucus Augusti tras sufrir o golpe dun touro que a empurrou contra unha parede. A última información fala de estabilidade dentro da gravidade, ademais o alcalde confirma que rompeu varias costelas. Todo nun concello con varias explotacións gandeiras onde, segundo os veciños, nunca tiveran grandes sustos. É por iso que a noticia xerou certa sorpresa.
"Levei unha sorpresa cando mo dixeron, e non e nada san a miña idade. Fai menos dunha semana foi ramista, ela e mais outro rapaz", comentaba un veciño.
Os veciños confirmaban tamén a colaboración da vítima en moitas das celebracións do Concello, sendo así unha persoa moi coñecida e querida entre os que viven preto dela.
"Marabilla, toda a familia e todos os veciños que temos boa relación, todo ben. Ela era unha das máis excelentes, tamén coma veciña. Sempre corre para axudar. Manexaba tamén todos os tractores, os dela máis os do pai".
Fernández forma parte da corporación municipal dende o ano 2023, tarefa que compaxina cos traballos da explotación gandeira da familia. Agora, familiares e veciños agardan que volva o antes posible.