Publicador de contidos

Publicador de contidos

Unha septuaxenaria na UCI tras caer por un noiro de cinco metros no Courel

Unha septuaxenaria na UCI tras caer por un noiro de cinco metros no Courel

A vítima ía camiñando pola beira da estrada en Ferreira Vella, nun tramo sen barreiras de seguridade

O muro de contención está construído sobre o leito dunha enxurrada
Félix Aragunde. Imaxe: Lino Álvarez. 27/08/2026 14:13

Unha muller de 74 anos precipitouse dende unha altura de cinco metros cando camiñaba pola beira da estrada en Ferrería Vella, entre Seoane e Folgoso do Courel. Como consecuencia das feridas sufridas en diferentes partes do corpo, a vítima do accidente encóntrase agora ingresada da unidade de coidados intensivos do HULA, en Lugo. 

"Porque os coches se cruzan aí, e ela arrimouse un pouquiño. E como aí está un pouco levantado o asfalto, pisou, torceulle o pé e caeu abaixo. A sorte foi que todos os anos limpo o carronzo, porque quitei as pedras que había aí abaixo. Se non, a miña irmá estaría no cemiterio", sinala Segundo Sampaio, irmán da muller accidentada. 

Segundo a familia da vítima, o sinistro puido evitarse se o muro de contención contase cunha barreira de seguridade. De feito, debido aos numerosos accidentes rexistrados no mesmo lugar aseguran que levan máis de 50 anos reclamando unha protección para os peóns neste tramo da estrada LU-651, de titularidade autonómica.

"Unha boa barreira e a pasarela, para que poidamos pasar tranquilamente", solicita José Luís Sampaio, outro irmán da septuaxenaria que sufriu o accidente. 

"Terminaron a estrada o ano pasado, asfaltaron isto por aquí e díxenlles que puxesen unha barreira, ao que me responderon que llelo dixese aos que mandan", recorda Segundo. 

Pola súa parte, dende o Concello de Folgoso do Courel afirman que xa lle pediran á Xunta a construcción dunha barreira, unha demanda que agora será reiterada.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade