A chuvia anega o mercado coruñés de Monte Alto
Atribúen as filtracións a deficiencias na construción da praza de abastos
As imaxes dan conta do que sufriron os vendedores do mercado de Monte Alto cando comezou a chover con forza. Non lles quedou outra, como se ve, que facerlle fronte á auga que entraba nas instalacións.
"Eu tiven que axudar a miña compañeira da limpeza porque era imposible sacar a auga de aquí". "Os niveis de auga tiran para dentro en vez de para fóra e foi todo para dentro do mercado e encheuse de auga".
Eles teñen claro que o que aconteceu non responde a un problema de falta de mantemento.
"Non é por falta de mantemento nin nada diso. Este mercado está mal construído".
Unha situación que os anoxou porque este mercado estreárono en decembro do ano pasado.
"Non podes renovar unha praza de abastos e que ao pouco tempo estea así. É incrible".
Contan que tras o asolagamento, técnicos municipais acudiron ás instalacións.
"Estiveron falando para poder solucionar o problema e foron mirar arriba". "Calquera problema que haxa que arranxar aquí, no mercado, son mínimo dous meses". "Pero ese tubo segue botando auga".
Agora din estar moi pendentes do tempo por se se repite o pesadelo que viviron.