Publicador de contidos

Publicador de contidos

Que facer se vemos un raposo? Non é aconsellable achegarse nin ofrecerlle comida

Que facer se vemos un raposo? Non é aconsellable achegarse nin ofrecerlle comida

Cada vez é mais habitual avistalos en zonas urbanas 

Achéganse ás casas e ás persoas na busca de alimento

G24.gal 09/09/2026 14:11

Correndo polo centro da Coruña, subido a unha cornixa en Lugo e mesmo explorando os coches no aparcadoiro da TVG. Cada vez é máis habitual gravar raposos no asfalto, preto das casas e das persoas e cunha actitude menos esquiva do agardado.

"Hoxe en día nas cidades e nos pobos o contacto entre a fauna silvestre e o ser humano xera fenómenos de habituación de xeito que se eses animais non perciben ameaza, se non padecen ataques, tenden a ser tolerantes co ser humano ", explica Jesús Domínguez, profesor de zooloxía na USC.

Chegan ás zonas poboadas na busca de alimento. Pero está totalmente desaconsellado ofrecerlles comida. Malia que pode ser tentador interacturar con eles, o mellor é manter as distancias e deixalos ir.

"Non se pode dar de comer ao raposo, é moi importante. En xeral non se debe alimentar de xeito artificial a fauna silvestre porque xera dependencia e cambios no comportamento", engade o profesor.

"Eles teñen que buscar de comer por sí sos. Non se poden acostumar ao ser humano. A xente faino por axudalos, pero faille máis mal ", explica Manolito de Prado, afeccionado ao fototrampeo de fauna salvaxe.

Manolo coñece ben a psicoloxía destes astutos animais. Tenos retratado coa cámara de fototrampeo en moitas ocasións, e ten claro que se fan excursións a zonas poboadas é por necesidade.

"Hai que ter en conta que se destrozou moito o seu hábitat. Hai eucaliptais enormes onde non dás gravado nin un. Eles precisan un lugar con carballos ou sombra, e tamén lle falta alimento, por iso van buscalo ás casas".

Para el, o mellor consello se vemos o raposo é observar e desfrutar.

"É un animal bonito e intelixente, de feito chámanlle milmañas. Para min é o mellor, é indescriptible velo de preto".

Iso si, quen teña galiñas que as garde ben, porque o milmañas non terá piedade coa súa presa favorita. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade