Publicador de contidos

Publicador de contidos

Foxy, o raposo da Toxa: á falta de galiñeiros, comeu xamón no Casino

Foxy, o raposo da Toxa: á falta de galiñeiros, comeu xamón no Casino

O animal presentouse nunha festa e deu boa conta dos petiscos ibéricos

Colleu confianza cos vixilantes da illa, aos que acompaña de rolda nocturna

G24.gal 03/11/2026 11:45

De sempre houbo raposos na Illa da Toxa. Pero poucos tan confiados e amigables como Foxy. Tanto acompaña os vixías na súa rolda nocturna como pasa pola festa do Casino.

"Presentouse na porta e a xente que estaba na festa deulle xamón ibérico e queixo e el encantado, claro", explica José Veiga, vixilante da Toxa.

"Eu escoitei unha lenda que di que se ves un raposo antes de xogar e se che queda mirando dáche sorte", engade José Manuel Puente, tamén vixilante de seguridade na Illa.

Sorte tivo el, porque, á falta de galiñeiros na illa, nada mellor que pasar polo Casino ou pola caseta dos seus amigos os gardas. 

"Ao principio non se atrevía pero un día estaba a porta aberta e pasou. Desde entón ven todos os días de noite e pica a súa ración".

"Sobre todo agora que no outono nós quedamos moi sós na Illa, vén acompañarnos nas gardas, coñece o coche e visita a garita se a caza de pequenos roedores ou a pesca non se lle deu ben ese día".

Pero, insisten, Foxy non é un can. É unha compaña silvestre e non convén domesticalo.

"Socializa moi ben, pero non deixa de ter precaucións, ten medo dos coches e non perde o seu lado salvaxe, cousa que nos alegra moita".

Protexidos da caza e dos depredadores, os raposos habitaron de sempre no monte central da Toxa. Pero din aquí que cada vez son menos.

"A fauna salvaxe da Illa ten unha mingua grande, hai raposos e esquíos contados. Nese sentido é moi importante un plan de reforestación con especies autóctonas que se está facendo no Monte Central. Agardamos que non chegue a desaparecer nunca o raposo de aquí, porque é un animal histórico", conclúe José Manuel.

Histórico e de gustos refinados, facendo honra á luxosa illa que habita.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade