Un desaparecido en Ribadumia, cadrando co morto de Vilanova e os bidóns de gasóleo
Un segundo desaparecido en Cambados, sen denunciar, ao que se relaciona con estas dúas persoas
Unha das hipóteses é que traballasen para unha organización de narcos e que houbese un fallo na loxística
Son catro sucesos que a investigación dirá se teñen relación: unha lancha abandonada, bidóns de gasóleo e gasolina espallados por distintos lugares da costa, un morto de Vilanova da Arousa e dous desaparecidos en Ribadumia e Cambados.
Sóubose de cada cousa co paso dos días. A última en Ribadumia, onde unha familia denunciou a desaparición do irmán e fillo, un home de 45 anos.
"Saíu á noitiña e non volveu. Non sabemos nada, nin se está vivo nin se está morto", lamenta o pai, Antonio Vázquez.
O móbil non dá sinal. Marchou o 22 de outubro e presentaron a denuncia esta fin de semana, dez días despois.
"Eu que sei! É maior de idade e non me meto na súa vida. Non sei a que se dedicaba, non sei a que andaba e non sei nada de nada. Se o soubera, tíñao que dicir porque era bo para todos a ver se o atopaban, ou se saía ou..., pero non sei!", engade.
Coméntase que tiña relación co outro home que faltou de Cambados nas mesmas datas e tamén co que apareceu morto nunha praia de Muros. Era de Vilanova, sobriño dun narco coñecido. Morreu dun golpe na cabeza. Esas lerias aumentan a preocupación da familia.
"Como non vou estar? É un fillo. Sexa como sexa, é un fillo", láiase o home.
Coincidindo no tempo, tamén en Muros, apareceu unha lancha baleira das que se empregan para transportar droga e case ao mesmo tempo empezaron a emerxer bidóns, case todos de gasóleo. En Carnota, en Corrubedo, preto de Cangas e en Esposende, en Portugal. Alí localizaron a maior parte, 1.500 litros de gasóleo, e tamén armas, dúas kalasnikov.
Barállase que foran destinadas a abastecer un narcosubmarino, pero, de momento, nin rastro. A investigación estase levando en absoluto segredo e, de momento, todo son especulacións. De feito, fálase da presenza de xente do sur con antecedentes por tráfico de drogas que andaría pola zona de Pontevedra. De se confirmar, xustificaría o achado das armas en Portugal e a implicación dunha organización criminal moi perigosa.